Destinaran este ano 300.000 euros á subsidiación de préstamos para rehabilitación de vivendas e edificios residenciais

A partir de mañá os interesados poderán optar a acollerse a este programa, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o día 30 de setembro
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Xunta de Galicia

Destinaran este ano 300.000 euros á subsidiación de préstamos para rehabilitación de vivendas e edificios residenciais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará un total de 296.780 euros á subsidiación dos xuros dos préstamos que se concedan este ano para a rehabilitación de vivendas e de edificios de carácter residencial. As axudas, que na convocatoria de 2020 disporán dun 45% máis de orzamento que na anterior, poderán solicitarse a partir de mañá e ata o próximo 30 de setembro a través da liña de préstamos incluída no Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda (Plan RehaVIta) 2015-2020 e que hoxe foi publicada no DOG.

Estas axudas van dirixidas ás persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. As comunidades de propietarios tamén poderán obter préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios residenciais, se ben non as axudas para a subsidiación dos xuros. Igualmente, poderán beneficiarse, a título individual, os membros destas comunidades que participen nas actuacións promovidas, en función da súa porcentaxe de participación.

Para acceder aos préstamos cualificados, os ingresos da unidade de convivencia do solicitante non poderán ser superiores a 6,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), mentres que para acceder ás axudas económicas directas, fíxase o límite en 5,5 veces o IPREM.

A concesión do préstamo polas entidades financeiras que teñen asinado a día de hoxe o convenio co Instituto Galego da Vivenda e Solo -Abanca, Caixa Rural Galega, CaixaBank e Banco Sabadell- poderá ir acompañada dunha axuda da Xunta consistente na subsidiación dos xuros destes préstamos para as persoas que cumpran os requisitos previstos, coa excepción dos préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios.

A porcentaxe da subsidiación dos xuros e a súa duración poderá chegar ao 100% durante un máximo de catro anos, pero dependerá en todo caso do nivel de ingresos da unidade de convivencia do beneficiario, segundo se reflicte no seguinte cadro:

INGRESOS
Subsidiación
Duración máxima
Menor ou igual a 4 Iprem
100 % dos xuros
48 meses
Maior de 4 e menor de 5,5 Iprem
80 % dos xuros
36 meses
Maior de 5,5 e menor de 6,5 Iprem
Sen subsidiación
Duración do préstamo

Os préstamos poderán formalizarse con garantía hipotecaria ou persoal e estarán exentos de calquera tipo de comisión. No caso de préstamos con garantía hipotecaria, o importe máximo será de 60.000 euros, mentres que para os préstamos con garantía persoal o límite será de 30.000 euros.

No caso de préstamos solicitados directamente por comunidades de propietarios, a contía total concedida non poderá exceder do menor dos seguintes importes: a totalidade do orzamento protexible ou ben 10.000 euros por vivenda integrante da citada comunidade de propietarios.

O prazo de amortización poderá establecerse entre seis meses e 15 anos, cun período de carencia inicial de ata dous anos, como máximo. No caso de préstamos solicitados directamente por comunidades o prazo de amortización será de ata 10 anos.

A concesión, en todo caso, estará suxeita á avaliación dos riscos por parte das entidades financeiras e para acceder aos mesmos, as persoas promotoras das actuacións de rehabilitación deberán obter previamente unha resolución de acceso ao financiamento, que emitirá o Instituto Galego da Vivenda e Solo. Cómpre lembrar que nas convocatorias deste programa dos anos 2017, 2018 e 2019 concedéronse 68 préstamos en total.

O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tal como se indica no seguinte cadro:

 
Garantía
Tipo fixo
Tipo variable
Inicial
(24 meses)
Resto
Persoa física
Hipotecaria
1,90
1,75
Euribor a 1 ano + 1,25
Persoa física
Persoal
5,25
5,25
Euribor a 1 ano + 4
Comunidade de propietarios
Persoal
5,00
Euribor + 4%