O DOG publica o decreto polo que se crea e regula o primeiro Consello Asesor da Paisaxe de Galicia

Trátase dun órgano colexiado no que se integrarán as administracións e expertos implicados en políticas da paisaxe
Publicado por o día 20/02/2018 na sección de Medio Ambiente

O DOG publica o decreto polo que se crea e regula o primeiro Consello Asesor da Paisaxe de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se crea o primeiro Consello Asesor da Paisaxe na Comunidade. Unhas das principais funcións do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia será informar das modificacións do Catálogo das Paisaxes, e das Directrices de Paisaxe, co fin de achegar o coñecemento experto e local que se obtivo durante a elaboración do Catálogo a partir do panel de expertos e do proceso de participación pública.

Grazas á aprobación do decreto que crea e regula o Consello Asesor, Galicia contará cun órgano colexiado de carácter técnico e de asesoramento e materia de paisaxe con funcións de colaboración e cooperación entre administracións públicas con competencias nos territorio para a promoción e desenvolvemento de políticas comúns, coordinadas e programadas.

Neste consello integraranse as administracións públicas implicadas en políticas da paisaxe, e contará co asesoramento dos expertos nos diferentes eidos do estudo da paisaxe e dos sectores da sociedade que reflictan a percepción da paisaxe existente na poboación, propiciando, deste xeito, unha adecuada coordinación da política en materia de paisaxe na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, estarán representados a administración autonómica, local, o Consello da Cultura Galega, as asociacións que teñan entre os seus fins a protección e mellora da paisaxe, as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, as organizacións empresariais intersectoriais galegas máis representativas, as universidades galegas e os especialistas en paisaxe, coa finalidade de que amplos sectores da sociedade se atopen representados na defensa da paisaxe galega.

Este organismo será o encargado de presentar propostas de estudo, de actuacións e de melloras en materia de paisaxe en Galicia para elevar ao organismo competente en materia de paisaxe, servir de foro para a posta en común das últimas iniciativas sectoriais e de investigación de ámbito estatal, europeo e internacional en materia de paisaxe. Tamén exercerá de órgano asesor e consultivo do organismo competente en materia de paisaxe, para analizar, con carácter previo á súa implementación, a adecuación de calquera política sectorial que poida producir un impacto sobre a paisaxe de Galicia; así como prestar o apoio na programación das políticas comúns en materia de paisaxe en Galicia e analizar propostas concretas de actuación e regulación normativa que se lle eleven, polo organismo competente en materia de paisaxe, para o seu informe.

Ademais, tal e como recolle Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, o Consello Asesor da Paisaxe é imprescindible para cumprir co desenvolvemento e aplicación en canto a asegurar unha idónea protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia. Deste xeito, garantirase a participación pública, en aras de expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e grao de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes; como a dos expertos relacionados coa paisaxe, en representación de cada un dos valores recollidos no Catálogo das Paisaxes de Galicia: naturais/ecolóxicos, culturais/patrimoniais, estéticos/panorámicos e de uso.

O decreto consta de catorce artigos, estruturados en tres títulos. No Título I Disposicións xerais indícanse o obxecto, natureza xurídica e réxime xurídico aplicable. O Título II Funcións, composición e organización do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, determina ás súas funcións, composición, e organización e regula as funcións da presidencia, vicepresidencia, secretaría e vogalías, respectivamente. Por último, o Título III Funcionamento do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia establece o seu réxime de funcionamento, as convocatorias e sesións, o réxime de acordos e os recursos materiais e humanos deste órgano.

Tamén consta dunha disposición adicional única relativa á constitución do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, e dúas disposicións derradeiras: unha primeira dedicada á posibilidade de desenvolvemento normativo e unha segunda relativa á súa entrada en vigor, aos 20 días despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.