#ElAnuncioMásMachista do ano: xa podes votar aos nomeados

Nestlé, os ximnasios Basic Fit e Hammer Fitness e o seudoestimulante sexual Forte Love compiten polo premio ao Peor Anuncio de 2018.
Publicado por o día 07/03/2019 na sección de FACUA,Social

#ElAnuncioMásMachista do ano: xa podes votar aos nomeados

Catro campañas de publicidade machistas compiten por ter a dubidosa honra de ser elixidas como O Peor Anuncio de 2018 na décima edición destes premios que elixen socios e simpatizantes de FACUA-Consumidores en Acción a través da web  FACUA.org/peorempresa. Nesta ocasión o premio dirímese entre campañas dos xeados Nestlé, os ximnasios Basic- Fit e Hammer Fitness e o seudoestimulante sexual Forte Love.
 
FACUA deu a coñecer aos nomeados na véspera do 8 de marzo, que se celebra o Día Internacional das Mulleres, para poñer o acento en como a publicidade continúa tratándoas como meros obxectos, reclamos para vender un produto, e transmiten unha idea aínda estereotipada do que é ser muller, na que se lle atribúen valores que teñen pouco ou nada que ver coas súas capacidades e moito co seu aspecto físico. A campaña está a difundirse a través das redes sociais coa etiqueta #ElAnuncioMásMachista. Os premios teñen outras dúas categorías: O Peor Abuso e A Peor Empresa, cuxos nomeados se darán a coñecer nos próximos días.
 
A asociación convoca estes premios desde 2010 para censurar os graves abusos que se producen no mercado e promover prácticas responsables das empresas cos consumidores e nas súas relacións con estes e as organizacións que representan os seus intereses.
 
O ano pasado o gañador do Peor Anuncio foi o Ministerio de Sanidade e Igualdade, que acaparou un 50% de votos nunha publicidade que mostraba a imaxe dunha moza e un texto que relacionaba beber demasiado cun maior risco de sufrir unha violación. O ano anterior o seu posto ocupouno un anuncio dos produtos ” anticaída” VR6 Definitive Hair, da empresa CNCE Innovación SL, no que mostraba a unha muller espida e o reclamo “Non te obsesiones con ela! Ti tamén podes ter unha igual… A melena, claro!”.
 
As campañas publicitarias nomeadas ao Peor (e máis machista) Anuncio 2018 son:
 
Os xeados de Nestlé que quedaron o século XVI. “Antes de que se derrita un xeado, a túa filla deixaría de ser unha nena… Aproveita e goza cada momento con ela antes de que cambie as ceras polo colorete”, dicía Nestlé en Twitter o verán pasado para anunciar os seus xeados. Non se decataron de que as mulleres seguen debuxando cando deixan de ser nenas, algunhas de feito dedícanse a facelo profesionalmente e que mesmo hai moitas que, desde María Antonieta a 2019, decidiron deixar de empolvarse a cara e non utilizar maquillaxe. Vese que quixeron facer un anuncio de época. Dunha época na que non existía nin Nestlé.
 
Basic- Fit, o ximnasio tan básico que se esquece ata do deporte. A cadea de ximnasios Basic- Fit empapeló o metro de Madrid con carteis nos que un señor contáballe ao seu amigo que se borrou dunha aplicación usada para ligar porque xa non a necesitaba grazas ao seu ximnasio, que lle ofrecía ‘ligues’ nos seus instalacoines. Polo visto, para esta cadea que ten 26 establecementos na Comunidad de Madrid, as mulleres que acoden ás súas instalacións só o fan para atraer aos machos sedientos de carne. Ou iso é o que eles pretenden, dando cancha ao acoso e premiando estas actitudes de violencia cara ás mulleres. “Instinto moi básic”, dicía a publicidade. E tanto.
 
Forte Love, o ‘ estimulador’ feminino que volve aos homes irresistibles case sen darse conta. A mera existencia deste produto é un ataque ás mulleres en si mesma, por non estar orientado a que elas gocen máis das súas relacións sexuais, senón a que sexa máis fácil deitarse con elas. Pero é que a publicidade non se deixa nada no tinteiro: “ela será túa en dez minutos”, di sen recato. Todo son vantaxes para o home que llo forneza á súa parella: “funciona despois de dez minutos”, “é moi fácil de usar, o po disólvese facilmente na auga”, “ten un sabor e cheiro neutro”, “ten un efecto estimulante de rápida acción”. E o mellor, “aumenta a atracción cara ao home”. Será que funciona tamén con mulleres ás que non lles gustan os homes?
 
Hammer Fitness, o ximnasio que ofrece mulleres en roupa interior para atraer clientes. O establecemento sevillano utiliza unha muller en roupa interior para promocionar unha clase, reducíndoas a elas a mero obxecto para atraer a atención dos posibles clientes. A publicidade, ademais, promociona unha serie de invitacións aos socios para traer “a unha amiga”. E aínda, despois de ser denunciado por FACUA Sevilla por atentar contra a dignidade da muller, o xerente dixo non entender onde está o sexismo, se neste establecemento “paga igual unha que estea gorda que unha que estea boa” e quedou tan ancho rematando: “se entendemos ese cartel como sexista, o serían todos os anuncios de roupa interior”.