O inicio das festas será o vindeiro venres 9 de febreiro co «Entroido dos coles». Nel, o alumnado dos centros de educación infantil e primaria da Guarda amosarán os disfraces elaborados manualmente para a ocasión, cun desfile que partirá da Alameda ás 12 h e percorrerá a rúa Galicia ata a coñecida como «esquina do Galo».
O 10 de febreiro será o «sábado de güateque» co concerto de Rockin’ Gina & the Sentinels na Alameda a partir das 23:30 h. Deseguido, a música retro tomará o paseo, coa actuación de DJ Guille ata ben entrada a madrugada. A música e o baile continuarán o 11 de febreiro co denominado «domingo das familias», no que contaremos coa actuación da orquestra Abanico na Alameda a partir das 18 h.
As cativas e cativos serán os protagonistas o luns, na festa infantil na que poderán gozar dun obradoiro de maquillaxe, xogos xigantes, un baile de disfraces con concurso e un carriño larpeiro de filloas, todo amenizado por unha discoteca móbil na Alameda dende as 18 h.
Martes de Entroido
A gran festa dos disfraces chegará o Martes de Entroido, coacelebración do desfile-concurso no que poderán participar todos os veciños, veciñas e asociacións da vila. As bases contemplan ata cinco categorías diferentes de participación (carrozas, comparsas, grupos, individual-parellas tanto adulto coma infantil) na modalidade de concurso, cunha ampla variedade de premios.
Nesta liña, as 10 primeiras comparsas e carrozas que se inscriban recibirán unha axuda de 200€ como compensación polo traballo e esforzo realizado. As comparsas e carrozas concursarán por un primeiro e segundo premio (dotados de 250€ e 150€, respectivamente) e nas demais categorías repartiranse ata 18 recoñecementos entre os 6 mellor valorados en cada grupo, cun orzamento total de 1.070€. As persoas interesadas en participar poderán ampliar a información nas bases dispoñibles nesta ligazón e realizar as inscricións entre o 30 de xaneiro e o 6 de febreiro.
O desfile partirá ás 17:30 h da coñecida como «esquina Famosa» na rúa San Bernardo, para despois percorrer as rúas Porto Rico e Galicia ata chegar á Alameda, onde se darán a coñecer os gañadores en cada categoría do concurso.
Saborear o Entroido
Como complemento ás festas, entre o sábado 10 e o martes 13 de febreiro ofertarase o popular «Menú de Entroido», cunha completa oferta de alimentos típicos dos que se poderá gozar en 7 restaurantes guardeses a un prezo único de 18€.
O menú por persoa constará dun primeiro prato a elixir entre caldo ou empanada, un segundo prato composto por lacón con grelos, patacas e chourizo, e unhas sobremesas típicas destas festas: as filloas ou as orellas de entroido.
Os restaurantes adheridos á iniciativa son: Arruaz, Camping Santa Tecla, La Pizzicata. Novo Funil, O Cangrexal, Xantar e Xeito. Recoméndase, con todo, reservar mesa previamente nos restaurantes para asegurar a dispoñibilidade do menú, do que poderán gozar todas aquelas persoas que gusten dos pratos típicos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.