Esgotadas as prazas para os obradoiros da Feira Franca no Museo

Está aberta unha lista de reserva que se irá ampliando coas novas solicitudes
Publicado por o día 20/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Esgotadas as prazas para os obradoiros da Feira Franca no Museo

Museo de Pontevedra vén de cubrir a totalidade das prazas para os obradoiros creativos ‘As ventas do ceo’ organizados con motivo da Feira Franca. Nas primeiras horas habilitadas para a inscrición cubríronse todos os postos dispoñibles e abriuse unha lista de reserva para que as solicitudes recibidas a maiores teñan posibilidade de acceder ás actividades no caso de que se produzan baixas.

Os obradoiros titulados ‘As ventás do ceo’ que terá como fío condutor as vidreiras de cores dos templos góticos. Están dirixidas a nenas e nenos de 6 a 12 anos de idade e pretenden achegar ás crianzas ao oficio das persoas que tradicionalmente se ocupaban da composición de vidreiras, da fabricación de vidros e cristais e da reposición das pezas, un labor moi vencellado á construción e cantería.

As rapazas e rapaces tamén coñecerán as orixes da Feira Franca e a importancia dos diferentes gremios e do comercio na realización do mercado libre de impostos, que no caso de Pontevedra iniciouse no ano 1467 cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou o privilexio á vila.

En total realizaranse catro obradoiros, un por xornada para un grupo diferente de 15 nenos e nenas durante os días 3, 4, 5 e 6 de setembro (de martes a venres). A actividade iniciarase ás 11 horas e rematará ás 13.30 horas e desenvolverase no Sexto Edificio.

A inscrición será por vía telefónica (986 804 100 extensións 42412 e 42413) ou a través de correo electrónico ([email protected]), e as prazas outorgaranse respectando a orde de recepción de chamadas e de correos.