España mellorou lixeiramente o seu índice de descarbonización en 2018, respecto a 2107, pero cómpre apostar con rapidez por medidas de alcance para acelerar e consolidar a transición enerxética á marxe de cuestións conxunturais. Esta é unha das principais conclusións do Barómetro de Transición Energética, posto en marcha hai una ano polo centro de investigación Economics for Energy, e no que tamén se apunta que a leve redución das emisión de dióxido de carbono ao longo do ano pasado se debeu, fundamentalmente, a unha maior achega da enerxía hidráulica, un factor suxeito a circunstancias dificilmente controlables como a meteoroloxía.
Na presentación do informe, que tivo lugar esta mañá en Madrid, os directores de Economics for Energy, o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e o profesor da Escuela Técnica Superior de Ingeniería ICAI Pedro Linares, insistiron “na necesidade de que España acelere o seu ritmo de transición cara un modelo enerxético sostible marcado por un avance na integración das enerxías limpas a custos razoables e polo aproveitamento do elevado potencial de aforro enerxético, á vista da lentitude nos avances rexistrados durante os últimos anos”. E é que apesares da redución rexistrada no gasto en enerxía, no ano 2018 empeorou a seguridade do subministro en España respecto a 2017, aínda, que como contrapunto, continuou a tendencia á baixa no custo das reservas para integrar enerxías renovables.
En relación coa descarbonización, a análise do volume de emisións de gases de efecto invernadoiro desvela unha lixeira redución en 2018, de xeito que se 2017 remataba cun 21% de incremento sobre as de 1990, o pasado ano a cifra contívose ata o 15,4%. En relación a 2005, a redución pasou do 21% de 2017 ao 24% en 2018, sendo o principal factor asociado a este pequeno avance unha maior achega da enerxía hidráulica ao mix enerxético. Non obstante, as emisións seguen a ser algo superiores ás de 2016 e as cifras están aínda lonxe dos obxectivos formulados pola Unión Europea para España ou dos que propón o Plan Nacional Integrado de Energía y Clima. En canto ao índice de emisións en relación co Produto Interior Bruto (PIB), segundo dos factores analizados en relación á descarbonización, o informe desvela un pequeno avance en 2018 que contribúe á mellora da descarbonización relativa da economía sobre 2010. Non obstante, un ano máis esta é inferior á experimentada no conxunto da UE o ano pasado.
Contención do gasto e os prezos
En relación ao asequible da enerxía, detectouse un lixeiro punto de inflexión no gasto na enerxía sobre o PIB, que se incrementara un pouco en 2017 e o ano pasado reduciuse ata acadar o nivel máis baixo desde o inicio desta década. Isto indicaría, segundo o informe, unha mellora na intensidade do consumo enerxético primario da economía española, debida principalmente á maior contribución da enerxía hidráulica, que permite reducir o uso de combustibles fósiles, acompañada dunha redución do custo da enerxía para as e os usuarios residenciais. Aínda así, a intensidade enerxética segue a ser superior á media europea, o que fai que o gasto español, a pesares de conterse, continúe por riba dos niveis da UE. Segundo a análise de Economics for Energy, isto representa un claro sinal do importante potencial que ten o aforro enerxético como instrumento para a descarbonización e a necesidade de explotalo.
O mesmo ocorre cos prezos, que, logo de dous anos seguidos de incremento, en 2018 baixaron ata quedarse preto dos valores de 2010, una redución superior á experimentada no conxunto da UE, o que se explica fundamentalmente, pola baixada dos prezos da electricidade e o gas para usos residenciais, que compensou o lixeiro incremento dos prezos do petróleo.
Máis capacidade e menor custo en xestión de renovables
En relación coa seguridade de subministro, o punto positivo é a continuidade durante 2018 do descenso, tanto da cantidade, como do custo das reservas eléctricas, especialmente este último, que acumula un descenso superior ao 60% desde 2010. Por outra banda, en termos de seguridade económica, o informe revela que España empeorou en 2018 a súa xa elevada exposición á volatilidade dos prezos internacionais dos combustibles fósiles. Tras un aumento acusado de volatilidade dos prezos do gas e o petróleo en 2014, os valores de 2017 experimentaran unha mellora en termos de axuste da economía, que o ano pasado sufriu un retroceso. Pola súa banda, a seguridade das importacións tamén empeorou en 2018, aínda que a situación segue a ser máis favorable que no conxunto da UE.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.