O Plan Galego de Vacinación fronte ao Sars-COV2 iniciouse a principios de 2021 coa vacinación das persoas residentes e traballadoras dos centros de maiores e continuou, tras a segunda recepción de vacinas, polo grupo de persoal sanitario considerado de primeira liña. Esquerda Unida entende que a Xunta de Galicia debera incluír de xeito prioritario ás traballadoras de axuda a domicilio no plan de vacinación como obxectivos inmediatos das seguintes vacinas.
A situación de envellecemento e dependencia está a facer que cada vez máis galegas e galegos precisen axuda para realizaren actividades básicas nos domicilios. Este papel está a ser cuberto en moitos casos por traballadoras subcontratadas polos concellos que visitan ao día diversos domicilios de persoas vulnerables.
É precisamente a precariedade coa que traballan e a cantidade elevada de domicilios que fan diariamente o principal motivo polo que Esquerda Unida entende que deberan ser unha prioridade na vacinación.
Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida traslada: “As traballadoras de axuda axuda no domicilio están moi expostas, cun alto risco de infectarse e polo tanto, tamén de ser vectores da enfermidade, xa que visitan ao día moitas casas nas que atenden a persoas maiores vulnerables e susceptibles de contaxiarse máis facilmente de Covid-19. Por iso, cremos que deberan considerarse como colectivo prioritario este persoal”.
Esquerda Unida vén de solicitar unha xuntanza con representantes do colectivo de traballadoras de axuda a domicilio para tratar esta cuestión e valorar a situación na que se atopan tanto elas, coma os maiores atendidos. Así mesmo, Esquerda Unida dirixirase por escrito á Xunta demandando que atenda esta cuestión o antes posible.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.