O estudo sobre o uso do galego nos concellos da provincia evidencia unha baixa implantación dos servizos de normalización lingüístca

É un dos datos que arroxa a Auditoría realizada por A Mesa e que mañá será presentada na III Xornada de Normalización Lingüística da Deputación
Publicado por o día 23/01/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A ‘Auditoría lingüística dos concellos da provincia de Pontevedra’, realizada por A Mesa entre os meses de febreiro e maio de 2107, examina o grado de cumprimento das garantías lingüísticas nos 61 concellos a través de cuestións tan básicas como os idiomas dispoñibles nas páxinas webs, nas redes sociais, nos teléfonos de atención cidadá, a dispoñibilidade de servizos e/ou técnicos de normalización, o uso do galego nas actas dos plenos, bandos e impresos de trámites, na banca electrónica, ou no apartado de turismo. As conclusións deste estudo serán presentadas mañá na III Xornada de Normalización Lingüística da Deputación, na que os concellos poderán coñecer, entre outras cuestións, as novidades das Axudas para dinamización do uso do galego que, neste exercicio, incrementan a partida orzamentaria ata acadar os 300.000 euros.

“Pareceunos importante contar cun estudo que nos permita ter una mapa da situación da provincia en canto ao uso do galego por parte das Administracións locais que, a fin de contas, son as entidades máis achegadas á cidadanía e así poder ir actuando para mellorar naqueles aspectos que sexa preciso” asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto a elaboración da Auditoría. Leal lembra ademais que “este documento non só nos permitirá levar a cabo a planificación lingüística axeitada senón que ademais nos debe axudar a deseñar novas fórmulas coas que normalizar por completo o uso do galego nas institucións públicas”. Pola súa banda o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, asegura que ” en xeral os concellos van avanzando na normalización do galego e soen ofrecer a maior parte da atención no noso idioma, se ben é certo que aínda queda por avanzar en implantación de Servizos de Normalización, e tamén naqueles servizos municipais que se ofrecen a través de empresas externas como a banca electrónica, por exemplo”.

Sobre a dispoñibilidade de servizo e de técnico de normalización lingüística nos concellos a Auditoría recolle que 49 non dispoñen nin de servizo nin de técnico, 12 contan con servizo e con técnico, e 34 están na Rede de Dinamización Lingüística –participan das actividades de dinamización da Xunta-. Outro dos puntos negativos é a prestación de servizos municipais a través de empresas externas, como a banca electrónica ou as concesionarias do servizo de augas. No servizo de banca electrónica, as persoas usuarias só teñen opción de utilizar o galego se a entidade bancaria que colabora neste servizo dispón desa opción lingüística. Así, as persoas que utilicen as plataformas de pagamento de Abanca, Sabadell-Gallego, e Caixabank poderán elixir realizar as súas xestións tributarias en galego. Porén, as persoas que utilicen os servizos de BBVA, Banco Pastor, Banco Popular, Banco Santander, Ibercaja Duero e Novo Banco só poderán utilizar o idioma español. En canto ao servizo de augas, ofrecen atención en galego Aqualia, Viaqua e Consorcio de Augas do Louro; mentres que Gestagua, e Espina y Delfín só permiten o español. Sobre esta situación, Marcos Maceira considera que “é responsabilidade dos concellos demandarlle a estas empresas que ofrezan os servizos subcontratados en idioma galego, para garantirlle á súa veciñanza que poidan acceder a ditos servizos no noso idioma”.

Na parte positiva, a que se podería considerar a ‘porta de entrada’, isto é, a atención cidadá telefónica e a páxina web, figura como a máis consolidada. Na atención telefónica, as mensaxes de inicio para remitir ás diferentes áreas de cada concello están gravadas en galego e, nos casos nos que se lle ofrece á persoa usuaria a posibilidade de elixir entre o galego e o español, sitúan a elección do galego en primeiro lugar. Aínda así chama poderosamente a atención o caso de Moraña, cuxa mensaxe telefónica de inicio utiliza única e exclusivamente o idioma español. En canto á páxina web o máis habitual é que poida lerse nos dous idiomas oficiais, en galego e en español. Unha constante que se mantén nas páxinas dedicadas á área de Turismo, que ademais soe incorporar outros idiomas como o inglés, o francés ou o portugués. Arbo, A Cañiza e A Lama son os tres concellos que teñen as súas páxinas de Turismo só dispoñibles en idioma español. En canto ao emprego do galego nas redes sociais, Baiona usa só o español na súa conta de Twitter ligada ao Turismo, ao igual que O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Mondariz Balneario, e Vilagarcía de Arousa.

Ademais da análise documental, A Mesa fai constar nas conclusións desta Auditoría que “se detecta un amplo uso do castelán por parte de cargos públicos no exercicio das súas funcións” e que “existen tamén casos graves onde declaracións feitas en galego nos medios aparecen traducidas ao castelán”.

III Xornada de Normalización

Preto de 50 concellos da provincia confirmaron a súa asistencia á III Xornada de Normalización Lingüística da Deputación que terá lugar mañá, mércores 24, ás 10 horas no Edificio Administrativo. Ademais de presentar e entregar unha copia da mencionada Auditoría, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentará e explicará o enfoque das Axudas para a Dinamización do uso do galego á que poderán optar concellos e entidades locais.

A xornada tamén inclúe a presentación de experiencias de dinamización que foron subvencionadas pola Deputación no pasado exercicio. Así, está previsto que o concelleiro de Cultura de A Estrada, Juan Constela, explique o programa deste concello; que o concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, explique as accións levadas a cabo no proxectp “A memoria das palabras”; e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, falará da implantación e traballo do Servizo de Normalización Lingüística.

Auditoría lingüística dos concellos da provincia de Pontevedra (pdf)