Sendo o solo a base de todos os ecosistemas terrestres, as relacións entre eucaliptos e solos son, obviamente, da maior importancia ambiental.
Formación do solo e biodiversidade. De dereita a esquerda o solo vaise desenvolvendo e, paralelamente, aumenta a biodiversidade que soporta, mentres que a degradación do solo e a conseguinte perda de biodiversidade van no senso contrario.
A follasca dos eucaliptais
A fragmentación, consumo e descomposición das follas pola macro, meso e microfauna do solo e, moi especialmente, polos microorganismos do solo son procesos clave nos ciclos bioxeoquímicos dos nutrientes.
As follas de E. globulus descompóñense máis despacio que as de freixo e olmo, debido probablemente á presenza de metabolitos secundarios, e inhiben a actividade microbiana dos solos moito máis que outras especies exóticas como Acacia, Ailanthus e Robinia (Castro-Díez et al., 2012).
Os aceites esenciais das follas de E. globulus reducen a descomposición das mesmas (Martins et al., 2013) debido a:
- Efectos tóxicos directos sobre os fungos e a fauna dos solos.
- Efectos indirectos sobre a calidade e a dispoñibilidade de alimento para os invertebrados do solo .
Nutrientes e fertilidade
A suma de bases de cambio (calcio, magnesio e potasio) en solos baixo plantacións de E. globulus é menor que nas formacións naturais de Quercus tanto en Portugal (corticeiras Q. suber; Madeira, 1989) como en Galicia (carballos Q. robur; Calvo de Anta, 1992). Este feito redunda nunha acidificación e aumento de aluminio soluble nos solos dos eucaliptais en Portugal (Madeira, 1989), pero non en Galicia debido ao forte poder tamponador nos solos galegos (Calvo de Anta, 1992). A información recompilada nesta última publicación revela asimesmo unha concentración de fósforo nos solos de eucaliptais menor que en carballeiras.
Nun estudo en tres plantacións de especies de crecemento rápido (E. globulus e Pinus pinaster), Dambrine et al. (2000) atoparon que presentaban balances negativos de nutrientes minerais. Estes autores sinalan que:
- O subministro de nutrientes pola alteración das rochas sería suficiente en zonas de granodioritas pero probablemente insuficiente nas de granitos.
- Que sería necesaria a fixación simbiótica de grandes cantidades de nitróxeno para asegurar a sostibilidade do crecemento das plantacións, debido á moi baixa deposición de nitróxeno atmosférico e os frecuentes lumes.
A exportación de nutrientes coa corta de especies de crecemento rápido (E. globulus, P. pinaster e P. radiata) é xeralmente maior que coa corta de carballos (Gómez-García et al., 2016). Nas plantacións destas tres especies en solos ácedos os nutrientes extraidos coa corta supoñen unha proporción importante das cativas reservas de nutrientes asimilables, o que suxire unha limitación a longo prazo e provoca xa deficiencias de fósforo, calcio e magnesio nas árbores (Merino et al., 2005).
A necesidade de fertilización
Debido á posibilidade de limitación do crecemento, recoméndase a aplicación de fertilizantes con fósforo, calcio e magnesio, especialmente no caso dos eucaliptos e de extraer do monte non só os troncos senón tamén os restos da corta (Merino et al., 2003, 2005). A “fertilización de mantemento” é tan importante que se considera a chave para unha produción sostida nas plantacións de eucaliptos (Viera et al., 2016). De todolos xeitos, compre ter en conta que a fertilización das plantacións forestais:
- Presenta maiores riscos de que os nutrientes dos fertilizantes se perdan por lixiviacion e escorrentía (co posible problema derivado de contaminación das augas) pois os solos forestais xeralmente presentan maiores pendentes e menores espesores que os agrícolas (Calvo de Anta, 1992).
- Non incrementa a taxa de descomposición das follas de E. globulus pero incrementa a liberación de nitróxeno e fósforo (Ribeiro et al., 2002).
Infiltración, escorrentía e erosión
Aínda que os eucaliptos están entre as especies con maior impacto sobre a repelencia á auga dos solos, en Portugal e no Magreb non se teñen observado incrementos na escorrentía superficial nin na erosión (Coelho et al., 2005). Sen embargo, observouse unha redución da infiltración ou conductividade hidráulica en solos baixo eucaliptos en Galicia (Núñez-Regueira et al., 2006) e Portugal (Madeira, 1989). Asimesmo, en Chile téñense detectado claras evidencias dunha maior erosión en plantacións de E. globulus que en bosques secundarios autóctonos (Banfield et al., 2018).
Máis sobre eucaliptos e ecosistemas
Este artigo forma parte da colección desta web sobre eucaliptos e ecosistemas, que está baseada nunha revisión bibliográfica de publicacións científicas incluidas no “Journal Citation Reports” (JCR) da “Web of Science/Web of Knowledge”. As palabras chave empregadas na búsqueda foron “eucalyptus” e “eucalypte(s)”. Nalgúns temas con pouca información dispoñible, incluíronse ademais algunhas publicacions de Galicia e Portugal non recollidas no JCR. Seleccionáronse só estudos feitos na península ibérica e, moi excepcionalmente, noutras zonas de clima semellante (que de ser o caso indícanse no texto). Outros artigos xa dispoñibles nesta web con información sobre os efectos dos eucaliptos nos ecosistemas:
Bibliografía citada
- Banfield, C.C., Braun, A.C., Barra, R., Castillo, A., Vogt, J., 2018. Erosion proxies in an exotic tree plantation question the appropriate land use in Central Chile. Catena 161, 77-84.
- Calvo de Anta, R., 1992. El eucalipto en Galicia: sus relaciones con el medio natural. Universidade de Santiago de Compostela.
- Castro-Díez, P., Fierro-Brunnenmeister, N., González-Muñoz, N., Gallardo, A., 2012. Effects of exotic and native tree leaf litter on soil properties of two contrasting sites in the Iberian Peninsula. Plant and Soil 350, 179-191.
- Coelho, C.O.A., Laouina, A., Regaya, K., Ferreira, A.J.D., Carvalho, T.M.M., Chaker, M., Naafa, R., Naciri, R., Boulet, A.K., Keizer, J.J., 2005. The impact of soil water repellency on soil hydrological and erosional processes under Eucalyptus and evergreen Quercus forests in the Western Mediterranean. Australian Journal of Soil Research 43, 309-318.
- Dambrine, E., Vega, J.A., Taboada, T., Rodríguez, L., Fernandez, C., Macías, F., Gras, J.M., 2000. Budgets of mineral elements in small forested catchments in Galicia (NW Spain). Annals of Forest Science 57, 23-38.
- Gómez-García, E., Dieguez-Aranda, U., Cunha, M., Rodríguez-Soalleiro, R., 2016. Comparison of harvest-related removal of aboveground biomass, carbon and nutrients in pedunculate oak stands and in fast-growing tree stands in NW Spain. Forest Ecology and Management 365, 119-127.
- Madeira, M.A.V., 1989. Changes in soil properties under Eucalyptus plantations in Portugal. En: J.S. Pereira, J.J. Landsberg (Eds.), Biomass Production by Fast-Growing Trees, pp. 81-99.
- Martins, C., Natal-da-Luz, T., Sousa, J.P., Goncalves, M.J., Salgueiro, L., Canhoto, C., 2013. Effects of essential oils from Eucalyptus globulus leaves on soil organisms involved in leaf degradation. Plos One 8.
- Merino, A., Balboa, M.A., Soalleiro, R.R., González, J.G.A., 2005. Nutrient exports under different harvesting regimes in fast-growing forest plantations in southern Europe. Forest Ecology and Management 207, 325-339.
- Merino, A., López, A.R., Brañas, J., Rodríguez-Soalleiro, R., 2003. Nutrition and growth in newly established plantations of Eucalyptus globulus in northwestern Spain. Annals of Forest Science 60, 509-517.
- Núñez-Regueira, L., Rodriguez-Añón, J.A., Proupin-Castiñeiras, J., Núñez-Fernández, O., 2006. Microcalorimetric study of changes in the microbial activity in a humic Cambisol after reforestation with eucalyptus in Galicia (NW Spain). Soil Biology & Biochemistry 38, 115-124.
- Ribeiro, C., Madeira, M., Araujo, M.C., 2002. Decomposition and nutrient release from leaf litter of Eucalyptus globulus grown under different water and nutrient regimes. Forest Ecology and Management 171, 31-41.
- Viera, M., Ruiz Fernández, F., Rodríguez-Soalleiro, R., 2016. Nutritional prescriptions for Eucalyptus plantations: lessons learned from Spain. Forests 7, 84.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.