Falar do infalable, as verdades incómodas que se agochan na literatura irlandesa

Con especialistas de Irlanda, España e Bélxica, coordinados pola profesora da UVigo Teresa Caneda
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Universidade de Vigo,Galicia,Vigo

Falar do infalable, as verdades incómodas que se agochan na literatura irlandesa

Hai verdades inconvenientes, realidades incómodas que as sociedades prefiren agochar, xirando a cabeza cara outro lado ou meténdoas baixo as alfombras. Nestes contextos, a literatura pode ser unha fiestra pola entre luz e aire, a través da que loitar contra as prácticas culturais do silencio. Este é o foco de estudo do proxecto de investigación de excelencia Intruths. Prácticas culturais do silencio na ficción irlandesa contemporánea, no que están implicados investigadores e investigadoras das universidades de Vigo, Deusto, Leuven, Galway, Alcalá de Henares e University College of Cork, coa docente Teresa Caneda, do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, como investigadora principal. Todas e todos eles déronse cita no campus de Vigo dende o pasado venres nun seminario titulado Speaking the Unspeakable: Approaches to Silence in Contemporary Ireland, que tamén é “a primeira reunión de traballo as cuestións preliminares que serán desenvolvidas abeiro do proxecto ata 2019”, como explica Caneda.

O proxecto céntrase en explorar como escritoras e escritores irlandeses contemporáneos volveron a súa atención sobre historias silenciadas e verdades non rexistradas que os discursos normativos e institucionais suprimiran por seren “diverxentes da verdade oficial”. Trátase, remarca Caneda, de investigar “de que modo as e os escritores de Irlanda buscan interrogar estas historias silenciadas e verdades ocultas e, ao mesmo tempo, pretende sacar á luz as implicacións éticas deste tipo de ficción que funciona como unha forma de resistencia ante o arraigo das prácticas culturais do silencio”.

As verdades incómodas, centrais la literatura irlandesa

A profesora Teresa Caneda, que forma parte do grupo de investigación Netec, lembra que nun discurso dirixido ao Parlamento en marzo de 2017, o anterior Primeiro Ministro irlándes Enda Kenny, referíase ao macabro achado dunha fosa común cos restos de nenos nun antigo centro de acollida como “o sepulcro social e cultural de Irlanda”, denunciando a complicidade da sociedade do seu país. “Este é un exemplo de numerosas prácticas institucionais do silencio na Irlanda contemporánea, onde numerosas formas de abuso mantidas en secreto durante longo tempo, sacudiron a opinión pública e amosaron como o imaxinario colectivo irlandés se atopa profundamente cimentado sobre o que poderíamos denominar inconvenient truths”, remarca a investigadora do proxecto.

Neste contexto irromperon, continúa Caneda, algunhas das voces máis subversivas no panorama da literatura irlandesa contemporánea que puxeron todo o seu empeño en denunciar esas verdades ocultas. O proxecto Intruths mantén que as diferentes configuracións arredor do silencio “determinan a ficción contemporánea irlandesa, na que as referencias a estas inconvenient truths se converten no tema central das novelas. Así, os obxectivo deste proxecto pasa por analizar, conceptualizar e categorizar as prácticas culturais do silencio na ficción irlandesa contemporánea co apoio dos fundamentos teóricos de críticos culturais emblemáticos dos estudos irlandeses como Ferriter, Foster, Inglis, Kearney, Kiberd, Lloyd, Meaney ou Patten.

O silencio: tema e estratexia

As configuracións do silencio dominan a imaxinación literaria da Irlanda contemporánea,
onde as referencias a “verdades incómodas” que non se poden falar, convertéronse no tema esencial de moitas novelas recentes. Segundo o equipo de investigación, o seu punto de partida “o constitúe a noción de que o silencio se convirte simultaneamente en tema e estratexia formal. A nosa hipótese é que estes escritores e escritoras adoptaron e desenvolveron estratexias discursivas arredor de distintas formas de silencio que, paradoxalmente, falan das contradicións socio-culturais da Irlanda contemporánea”. Segundo avanza Caneda, estas obras contemporáneas funcionan a modo de crítica social, “mediante contra-discursos coidadosamente construídos a través de ambigüidades, ironías e ambivalencias”. Deste xeito, o proxecto Intruths explora as conexións, similitudes e diferencias entre as distintas manifestacións “do que concibimos como unha presenza incuestionable de prácticas culturais do silencio na literatura irlandesa contemporánea”, centrándose en analizar e contextualizar obras seleccionadas de escritores como John Banville, Sebastian Barry, John Boyne, Ciarán Collins, Evelyn Conlon, Emma Donoghue, Peter Cunningham, Anne Enright, Nuala O’Faiolain, Ann Haverty, Eimear McBride, John McGahern, Lia Mills, Mary Morrissy, Eoin McNamee, Deirdre Madden, Patrick McCabe, Belinda Mckeon, Keith Ridgeway e Colm Tóibín.

Seminario no campus vigués

No seminario celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución, o equipo de investigadores avanzou nas liñas básicas do proxecto, e abordaron temas como as taxonomías do silencio, o silencio no cine irlandés, a ética do silencio na literatura contemporánea das escritoras irlandesas, o silencio sobre a prostitución masculina na ficción gay irlandesa contemporánea ou o clasicismo e a identidade sexual non falada na cultura literaria irlandesa contemporánea.