Febreiro será na Universidade de Vigo o mes da prevención cardiovascular. Cando menos isto é o que busca a Área de Benestar, Saúde e Deporte coa posta en marcha da campaña Que tal estás, corazón?, unha iniciativa coa que ofrecer á comunidade universitaria a posibilidade de acceder a unha revisión cardiolóxica de balde e, deste xeito, seguir sumando pasos no obxectivo xeral de conseguir unha Universidade cada vez máis saudable.
“A idea consiste en realizar unha campaña de revisión cardiolóxica deportiva de balde a todos os usuarios e usuarias da comunidade universitaria, ou de fóra dela pero con abono Muver, que queiran participar, e revisar o corazón de cara á práctica deportiva”, explica o doutor Santiago Perote, responsable da Unidade de Medicina Deportiva, ao que engade que a revisión incluirá a práctica de electrocardiograma, toma de tensión arterial, exploración (con auscultación cardíaca e pulmonar), pulsioximetría e realización dun test de preguntas orientadas á detección de patoloxía cardíaca.
As persoas interesadas en participar nesta campaña poderán solicitar a súa cita na páxina de Deporxest. A duración estimada de cada unha destas revisións é de entre 15 e 20 minutos. No campus de Vigo o servizo está dispoñible os martes de 13.30 a 16.30 horas; no de Pontevedra os mércores de 17.00 a 20.00 horas e, en Ourense, os xoves de 16.30 a 20.30 horas.
“Para o 13,75 % da poboación a revisión cardiolóxica sería completamente necesaria”
Con respecto á importancia das revisions cardioloxicas antes de iniciar a práctica de exercicio físico, desde a Área de Benestar destacan a necesidade ou conveniencia de realizar campañas de control cardiolóxico entre a poboación obxectivo vén dada polos resultados dos cuestionarios de screening que todos os usuarios/as cubren anualmente ao inscribirse nas actividades da unidade. “Os datos que reflicten estes cuestionarios son que para o 13,75 % da nosa poboación a revisión cardiolóxica sería completamente necesaria /imprescindible por presentar un risco moderado ou alto (dous ou mais factores de risco ou unha sinal de alarma) mentres que para outro 22,23 % sería aconsellable por presentar un risco baixo (un só factor de risco e sen sinais de alarma)”, recalca Román Lago, técnico superior de actividades deportivas.
Unha campaña coa que pór en valor a Unidade de Medicina Deportiva
A maiores das revisións cardiolóxicas, con esta campaña a Área de Benestar, Saúde e Deporte busca tamén dar a coñecer e pór en valor a Unidade de Medicina Deportiva, un servizo que leva xa anos funcionando “pero que pensamos que segue a ser un auténtico descoñecido na comunidade universitaria”, apuntan desde a área. Entre os servizos que ofrece destacan as consultas informativas (tratamento de patoloxías, diagnóstico de lesións..) ata controis antropométricos nos que cada usuario/a recibe información detallada sobre peso, masa graxa, masa magra, auga corporal, graxa visceral, metabolismos basal, idade metabólica… e recomendacións sobre hábitos de exercicio e actividade física. Así mesmo dá tamén a posibilidade de realizar revisións médico deportivas máis avanzadas que inclúen cuestións como unha exploración física e ortopédica, medición da tensión arterial, estudo de peso, talla, IMC e composición corporal, podoscopia, valoración da flexibilidade, forza muscular e resistencia cardiorrespiratoria, electrocardiograma, espirometría, proba de esforzo…
O curso pasado pasaron por esta unidade 294 persoas: 158 homes e 136 mulleres dos tres campus -153 no campus de Vigo, 77 do de Ourense e 64 do de Pontevedra- e a idea é que este curso se superen estas cifras. Normalmente o servizo máis demandado é a revisión médico-deportiva básica, seguido da consulta antropométrica e a informativa.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.