O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe, tras unha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o desbloqueo da licencia para construír o primeiro edificio do Novo CHUAC, adxudicadas por un importe de máis de 10 millóns de euros.
“Esperamos poder iniciar o replanteo das obras a partir do 15 de xaneiro e poder, de forma inmediata, executalas cun prazo de 14 meses, co obxectivo de finalizar o primeiro edificio do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña a principios do ano 2022”, explicou, aseverando que as obras do Novo CHUAC suporán “o maior investimento feito polo Goberno galego en 40 anos na cidade”.
“Estamos a falar dunha obra que suporá finalizar o mapa das grandes infraestruturas hospitalarias, a renovación completa do Servizo Galego de Saúde”, recordou, incidindo en que este gran hospital contará co dobre de superficie que o actual, co 55% das habitacións individuais e con 2.600 prazas de aparcamento.
Logo de agradecer á disposición do Concello, que se encargará do abastecemento e saneamento, así como do acceso e ampliación dos viais, o titular da Xunta aseverou que era “necesario e xusto devolverlle aos excelentes profesionais o nivel asistencial que practican”, ademais de insistir en que, nestes momentos da pandemia, as mellores novas teñen que ser seguir apuntalando as infraestruturas sanitarias.
Así mesmo, no eido da atención primaria, Feijóo anunciou que o convenio para a construción do futuro centro de saúde de Santa Lucía se firmará “de forma inmediata”, co financiamento da Xunta e a execución por parte do Concello.
Durante a xuntanza, o presidente do Goberno galego e a alcaldesa da Coruña avaliaron tamén os avances na nova residencia de maiores de Eirís, coa previsión de que a licenza urbanística solicitada estea de xeito inmediato. Unha obra financiada pola Fundación Amancio Ortega que contará con 150 prazas públicas e creará 140 empregos.
En canto aos recursos para maiores e discapacidade, Feijóo salientou ademais que os orzamentos de 2021 recollen máis de 2 millóns para diversas melloras na residencia de maiores da Xunta Concepción Arenal, no centro de menores San José de Calasanz e no Centro de atención pública á discapacidade.
Mentres, no eido educativo, confirmou que as axudas para financiar a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos beneficiarán a 1.100 familias do concello. Ademais de destacar os 5,5 millóns investidos nos últimos meses no remate do novo CEIP Novo Mesoiro; na rehabilitación integral do IES Eusebio da Garda; e no acondicionamento do centro de educación especial María Mariño.
17 millóns de euros en axudas a empresas, autónomos e emprendedores
En materia económica, e no marco do Plan de reactivación posto en marcha pola Xunta, o presidente da Xunta salientou que, desde o inicio da pandemia, ademais das axudas destinadas ao sector da hostalería, destináronse 17 millóns de euros para apoiar a actividade de empresas, autónomos e emprendedores da Coruña.
Por outra banda, en materia de infraestruturas, o presidente do Executivo galego e a alcaldesa avaliaron a situación da estación intermodal. Ao respecto, Feijóo recordou que “só queda que aprobe o ADIF” o convenio para activar o proxecto, ao estar xa aprobado pola Xunta e polo Concello.
“Pola nosa parte, esperamos no mes de marzo poder aprobar o proxecto da estación de autobuses”, abundou, subliñando que a Xunta e o Concello financiarán esta construción -27,5 millóns-, que incorporará un aparcamento subterráneo.
Así mesmo, Feijóo e Inés Rey abordaron a necesidade de que o Goberno central impulse a conexión ferroviaria do porto exterior de Punta Langosteira. “Non hai ningunha razón nin obxectiva, nin ferroviaria, nin presupostaria para non facer o que estaba comprometido desde 2018”, subliñou Feijóo, que situou ao Goberno galego como “aliado incondicional” para que o proxecto saia adiante, coa esperanza “de que se desbloquee nas próximas semanas”.
Neste ámbito, trataron a situación do porto interior da Coruña, sobre o que Feijóo sinalou que a Xunta traballará de forma conxunta co resto de administracións públicas co obxectivo de desbloquear a débeda, manter un porto viable economicamente e recuperar os espazos para a cidade.
Por último, e no tocante ao Xacobeo, Feijóo confirmou a construción dun novo albergue financiado pola Xunta e cuxo emprazamento determinará o Concello nos próximos días.
“O Goberno galego vai manter vivo compromiso coa cidade durante toda a lexislatura”, concluíu Feijóo, que cualificou de “óptimo” o nivel de comunicación co Concello.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.