Feijóo enxalza a mostra ‘Afonso X e Galicia’, a primeira deste Ano Santo e que celebra a importancia histórica da nosa terra como referente cultural ao longo do tempo

Salienta que no inicio do ano Xacobeo, esta exposición, que conmemora o 800 aniversario do nacemento de Alfonso X O Sabio, propón unha peregrinaxe no tempo, a través das múltiples facetas deste rei e a súa conexión con Galicia
Publicado por o día 12/01/2021 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

Feijóo enxalza a mostra ‘Afonso X e Galicia’, a primeira deste Ano Santo e que celebra a importancia histórica da nosa terra como referente cultural ao longo do tempo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a mostra Afonso X e Galicia, organizada polo Consello da Cultura Galega co apoio do Goberno autonómico, a primeira deste Ano Santo que vén de comezar e que celebra a importancia histórica da nosa terra como referente cultural ao longo do tempo.

Durante o acto de inauguración, Feijóo salientou que no inicio do ano Xacobeo, esta exposición, que conmemora o 800 aniversario do nacemento de Alfonso X O Sabio, propón unha peregrinaxe no tempo, a través das múltiples facetas deste rei e a súa conexión con Galicia. “Unha conexión que se manifesta no literario coas Cantigas de Santa María, que situaron o galego como lingua de prestixio cultural e protagonista dun dos fenómenos artísticos máis valiosos e representativos da cultura medieval, que logrou inspirar aos nosos creadores do século XIX e XX”, recordou.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego incidiu en que esta vocación de Galicia por inscribirse nas grandes correntes culturais queda patente nesta mostra e, tamén, noutras que exploran tempos e personaxes diversos como as recentes sobre o Pergamiño Vindel; A Derradeira Lección do Mestre de Castelao; Galicia, un relato no mundo e Galicia de Nós a nós.

“Todas elas son paradas na traxectoria cultural de Galicia que demostran que somos un pobo que aprecia e valora o seu patrimonio”, dixo, referíndose tamén á reapertura da Catedral de Santiago tras as obras de restauración, exemplo do compromiso colectivo dos galegos co seu patrimonio.

O titular da Xunta concluíu agradecendo o traballo e o compromiso de todas as persoas e institucións que artellaron esta mostra: especialmente ao seu comisario, Antoni Rosell, así como ao Consello da Cultura Galega, á Deputación de Ourense, á Universidade de Santiago e á Administración autonómica.

Cómpre destacar que esta exposición, que ten un carácter itinerante, poderá visitarse en Santiago ata o 24 de abril e conta con diferentes formatos, incluído unha web que recolle o catálogo interactivo e unha narrativa multimedia.