A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o parque tecnolóxico e loxístico da cidade para coñecer de primeira man o proxecto do novo envasado de conservas liderado pola viguesa Precisgal e da que a conserveira Frinsa do Noroeste vai ser a empresa tractora.
Durante a visita, na que tivo oportunidade de coñecer as súas instalacións, a delegada puxo en valor a capacidade de adaptación tecnolóxica desta compañía, especializada en servizos de enxeñería no marco do programa Maquinaría 4.0 cun proxecto que dá resposta a demanda neste caso do sector conserveiro, cunha solución para a que non hai case provedores a nivel mundial.
Así, explicou que o proxecto que desenvolverá Precisgal, e que conta cun apoio económico da Xunta de Galicia de 271.000 euros, estará destinado á fabricación de envases metálicos a través dun sistema de prensas de embutición de folla enteira. Pola súa banda, Frinsa Noroeste, fabricante de túnidos e mariscos en conserva, proporcionará o apoio técnico e subministrará os materiais e mostras necesarias para os ensaios.
O de Precisgal é un dos oito proxectos realizados por empresas galegas, aos que a Xunta destina 1 millón de euros, e que achegarán solucións tecnolóxicas no eido da maquinaria e bens de equipo a necesidades manifestadas por diferentes sectores do tecido produtivo.
Solucións punteiras
As axudas facilitadas polo programa Maquinaria 4.0, activado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, permitirán desenvolver en Galicia tecnoloxía que ata o momento non se produce na Comunidade.
A posta en marcha dos oito proxectos apoiados na primeira convocatoria desta liña de axudas vai supor un volume total de investimentos que superarán os 2,4 millóns de euros. O programa ten como obxectivo incentivar que os fabricantes de maquinaria se convertan en provedores importantes dese tipo de bens, ademais de permitir reforzar a estandarización no sector e facilitar a venda a nivel local, nacional e internacional de tecnoloxía feita en Galicia.
Así, as empresas que desenvolverán os proxectos presentaron as súas propostas para catro retos definidos a partir da análise das necesidades detectadas na consulta realizada polo Igape ao tecido produtivo galego. En concreto, achegan solucións a demandas tecnolóxicas de asociacións e empresas dos sectores da automoción, o conserveiro, a agroalimentación e o transporte e a loxística.
Deste modo, ao proxecto de Precisgal súmase o da empresa Enxenia, que traballará nun sistema en liña e completamente automatizado para a inspección das imperfeccións das carrocerías dos automóbiles. No caso de Emenasa Industria e Automatismo e Elvan Instalaciones a proposta é un sistema de medición en liña e sen contacto dos parámetros de humidade e graxa dunha mostra representativa dos lombos de atún cocido. Xa por último, a iniciativa da sociedade de produtores agrícolas Kiwi Atlántico é unha solución loxística circular para a xestión e control do ciclo de caixas plásticas con retorno, que evite o alto nivel de xeración de desperdicios no almacenamento e distribución de froitas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.