Galicia comparte o seu coñecemento sobre a contaminación por microplásticos no medio mariño nun encontro internacional de expertos nesta materia

Persoal do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) participou esta semana no evento ‘Microplásticos no Medio Ambiente: Impactos nos ecosistemas e na saúde humana’, organizado pola Universidade das Illas Baleares e que se celebrou de xeito telemático
Publicado por o día 17/01/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Galicia comparte o seu coñecemento sobre a contaminación por microplásticos no medio mariño nun encontro internacional de expertos nesta materia

Técnicos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, participaron esta semana nun encontro organizado pola Universidade das Illas Baleares sobre a contaminación mariña por microplásticos no que compartiron os seus coñecementos neste eido con outros expertos internacionais na materia. Os profesionais do centro galego explicaron o labor que realizan nas unidades de organoclorados e hidrocarburos para monitorizar a contaminación mariña nas augas costeiras de Galicia.

O evento, celebrado entre o xoves e o venres e titulado Microplásticos no medio ambiente: Impactos nos ecosistemas e na saúde humana, contou coa intervención de técnicos do Intecmar pero tamén doutras entidades de investigación de Galicia como a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo ou o centro que o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ten en Vigo así como expertos doutros países como a Universidade de Xenebra (Suíza).

O instituto dependente da Consellería do Mar participou neste encontro, financiado pola rede temática de excelencia Nat4sea, co relatorio Impacto químico dos microplásticos no medio mariño de Galicia, que serviu para poñer en valor o traballo do centro neste eido. Ademais permitiu dar a coñecer o labor que realiza no marco da rede Net4sea así como nos proxectos de investigación Nor-Water (Contaminantes emerxentes nas augas de Galicia e norte de Portugal: novas ferramentas para a xestión do risco), que está financiado polo Programa de Cooperación Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, e Aquasome (Avaliación do exposoma de contaminantes emerxentes en ambientes acuáticos), financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

A participación galega neste encontro de traballo contribuíu ao intercambio de experiencias e a darlle valor ao labor de investigación realizado desde Galicia para estar actualizados e preparados para facer fronte aos retos que se lle presentan á sociedade como consecuencia da contaminación mariña.

Os resultados do traballo realizado polos profesionais do Intecmar neste eido foron difundidos en distintas publicacións especializadas e analizados en diferentes foros científicos e encontros que tiñan como obxectivo desenvolver accións formativas e divulgativas sobre a contaminación mariña.