Gómez Reino: “Máis alá de bonificacións debemos abrir o debate sobre a necesidade de rescatar das mans privadas a AP9”

O deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común cre que “é o momento de reactivar a Comisión Bilateral de Transferencias entre a Xunta e o Estado”
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Política,En Común Unidas Podemos

O deputado pola Coruña do Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, Antón Gómez Reino, aposta por “ir máis alá das bonificacións” en relación coa AP9 e considera que “non é de recibo que nun contexto como o actual nos quedemos só en financiar con 50 ou máis millóns de euros ao ano unha infraestrutura sen abordar de maneira seria o seu rescate”.

Dende Galicia en Común enténdese que bonificar determinados tramos da AP9 é un gran paso dado polo goberno de coalición para reducir o impacto das peaxes, pero que ditas bonificacións suporían un mínimo desembolso de 1.350 millóns de euros ata 2048, data da fin da concesión que foi ampliada polo goberno popular de Mariano Rajoy.

Por iso o portavoz cree que “como lexisladores o que nos ten que preocupar é defender o público, por iso non deberiamos limitarnos só a bonificar a empresas privadas que de xeito irresponsable viron aumentadas as súas concesións e o seu negocio grazas ao Partido Popular”. Nese sentido “cremos que hai que ir máis alá, abordar o debate sobre o seu rescate e ademais convocar de maneira urxente a Comisión Bilateral de Transferencias entre a Xunta e o Estado”, asegurou.

Dende Unidas Podemos e dende Galicia en Común a folla de ruta pasaría por debater o custo que suporía rescatar a infraestrutura de mans privadas, convocar a Comisión para a súa transferencia a Galicia e xestionala dende o público. “Sabemos que o que lle preocupa a xente é non pagar por unha autoestrada que está máis que amortizada e iso é o que temos que conseguir, rescatala e transferila para que sexa definitivamente pública, sen que paguemos os cidadáns pero sen que pague tampouco o goberno do Estado vía PGE a empresas como Audasa”, concluiu.