Gómez Reino pide no Congreso que se adopten medidas para que Israel garanta a vacinación da poboación palestina

O deputado de Unidas Podemos lembra nun escrito presentado hoxe na Cámara Baixa que “o dereito internacional humanitario obriga a potencias ocupantes a garantir suministros médicos nos países ocupados”
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Política,En Común Unidas Podemos

O vicepresidente e portavoz do Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común na Comisión de Asuntos Exteriores, Antón Gómez Reino, vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria para que o Ministerio de Asuntos Exteriores adopte as medidas que sexan necesarias para que Israel garanta a vacinación da poboación palestina.

No documento lémbrase que, malia a ser un dos países que está a liderar a vacinación a nivel mundial, co 20% dos seus nove millóns de habitantes xa vacinados coa primeira dose, “a situación é moi distinta en Palestina onde recibiron a vacina os arredor de 450.000 israelís que se atopan en asentamentos ilegais en terras palestinas mentres ata o 11 deste mes a Autoridade Palestina non contaba cun plan de suministros para a inmunización dos preto de 5 millóns de palestinos e palestinas que viven en Cisjordania e na franxa de Gaza”, lembrou Gómez Reino.

“Israel está incumprindo a Cuarta Convención de Ginebra, os tratados sobre dereitos humanos e os Acordos de Oslo suscritos en 1993 que son moi claros ao respecto: Israel ten a repsonsabilidade de protexer e proveer asistencia sanitaria á poboación civil nestes territorios”, asegurou o portavoz da Comisión de Asuntos Exteriores.

Tal e como se indica na iniciativa rexistrada hoxe na Cámara Baixa, “as autoridades palestinas solicitaron á Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA) apoio financeiro a través do sistema global de vacinación Covax, grazas ao poderían chegar a vacinar a preto do 20% da súa poboación”.

A pesar disto, o bloqueo israelí que impide o intercambio de produtos, servizos ou o acceso a enerxía eléctrica, especialmente na franxa de Gaza, tería como consecuencia unha demora de varios meses neste proceso. “Estamos a falar dunha pandemia mundial e dunha cuestión de saúde pública que non pode quedar en mans de decisións meramente políticas”, engadiu Gómez Reino.