Gonzalo Caballero propón a Feijóo “deixar os anuncios” e poñer xa axudas reais ao comercio e á hostalería aos que “puxo o candado”: “Afronte as súas competencias tras fallar coa estratexia de salvar o Nadal”

O secretario xeral pregunta a Feijóo por que a Xunta repartiu máscaras de tela se as correctas son as FFP2 e sinala que é unha nova “cortina de fume” para tapar os “fracasos na súa xestión”
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero propón a Feijóo “deixar os anuncios” e poñer xa axudas reais ao comercio e á hostalería aos que “puxo o candado”: “Afronte as súas competencias tras fallar coa estratexia de salvar o Nadal”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe ao presidente da Xunta a “deixar os anuncios” e aprobar xa axudas a disposición dos negocios aos que “lle puxo o candado”, como o comercio, a hostalería, a cultura e o deporte.

”Afronte as súas competencias”, requiriu a Feijóo no Parlamento, tras considerar “preocupante” que o presidente renuncie a recoñecer que “fallou coa estratexia Salvar o Nadal”, a reorientar a súa actuación e a “cooperar” para enfrontar todos xuntos a loita contra a pandemia.

Despois de sinalar que “o máis importante” é garantir a saúde, motivo polo cal o PSdeG nunca cuestionou as restricións, Gonzalo Caballero fixo fincapé na urxencia de “rescatar” aos sectores económicos afectados. “Acompañen os peches con axudas”, reclamou, consciente de que a Xunta só destinou a este fin 22 millóns de euros no 2020 a pesares de ter recibido 224 millóns do goberno de España.

“No DOG que se publicou onte -por certo, dúas horas antes de que as medidas entraran en vigor- non hai unha soa axuda”, recalcou o líder do PSdeG, non sen recordar as verbas de Feijóo “cando se retrasaba o BOE nos primeiros meses da pandemia, no máis incerto desta situación”.

“A XUNTA DO BENESTAR”

En paralelo, Gonzalo Caballero requiriu a Feijóo que tome medidas para reforzar os servizos públicos para “protexer a toda a cidadanía”. “Temos que contar cunha Xunta do benestar”, incidiu.

Así, propuxo fortalecer a educación pública e traballar para garantir sistemas virtuais para alumnos que non poden ir ás aulas, ante o feito de que xa hai máis de 3.000 contaxios e case 200 aulas pechadas.

Do mesmo xeito, o líder do PSdeG reclamou mellorar os sistemas de prevención nas residencias de maiores, toda vez que cada semana hai un novo caso de contaxio masivo, e reforzar a sanidade pública porque “todos os galegos saben que a telemedicina non está funcionando”.

MÁSCARAS FFP2

E, fronte ao intento de Feijóo de introducir debates sobre as máscaras ou sobre o toque de queda para despistar, Gonzalo Caballero instouno a “deixar o escapismo, recoñecer os erros e traballar para protexer á xente”.

De feito, o secretario xeral preguntou a Feijóo por que a Xunta repartiu máscaras de tela se as correctas son as FFP2, ao tempo que evidenciou que se trata dunha nova “cortina de fume” para tapar os “fracasos de xestión” da Xunta.

“A HEMEROTECA É DURA”

Entre eses erros de Feijóo, o voceiro socialista no Parlamento sinalou “a estratexia Salvar o Nadal”, o seu rexeitamento inicial a facilitar os datos de contaxios por concello, a súa oposición ao estado de alarma e a súa afirmación sobre que as vacinas non chegarían a España antes do segundo trimestre de 2021. “A hemeroteca é dura”, apostilou.

“Nós non queremos ser capitáns a posteriori, como o PP no Congreso, pero ten que deixar o escapismo, baixar do pedestal e tomar medidas”, remachou, antes de esixirlle que “deixe de botar a culpa ao goberno de España ou á cidadanía cando as cousas non van ben”.

Así mesmo, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que “non poña á xente contra a xente” con esa chamada a ser “implacables” na vixiancia de que se cumpran as normas. “Non queremos defender policías de balcón, e preocúpanos que o presidente da Xunta desconfíe das forzas e corpos de seguridade”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.