Gonzalo Caballero propón “un gran plan de fortalecemento da sanidade pública galega” logo do “xaneiro horribilis” con máximos de falecidos e camas UCI pola covid

O líder dos socialistas galegos acusa a Feijóo de empregar o debate sobre as FFP2 como “cortina de fume” para agochar a situación límite das UCI galegas tralo fracaso da estratexia Salvar o Nadal
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Política,PSOE

O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, propuxo hoxe “un gran plan de fortalecemento da sanidade pública galega” logo de constatar o “xaneiro horribilis” provocado polo fracaso da súa estratexia Salvar o Nadal. O líder dos socialistas galegos alertou da situación das UCI no seu nivel máximo mentres Galicia rexistra un número de falecementos por contaxios “extraordinariamente alto”.

Ademais, o secretario xeral do PSdeG reclamou ao presidente da Xunta fortalecer a sanidade contando con máis persoal estable, para así resolver os problemas derivados da telemedicina ou o aprazamento de intervencións programadas, mellorar o plan de vacinación e reforzar os niveis de rastrexo. “A situación obriga a tomar decisións”, subliñou.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero acusou ao presidente da Xunta de empregar o debate sobre as máscaras FFP2 como “cortina de fume” para agochar a situación real das UCI, cando os datos do Ministerio de Sanidade evidencian que na última semana os ingresos en Galicia están “por enriba de calquera outra comunidade”.

Por iso, cualificou de “irresponsabilidade” que o presidente da Xunta queira “quitarlle gravidade” á situación real. Explicou que Feijóo “terxiversa e manipula” os datos de UCI ao computar camas dos centros privados e posibles camas de reanimación “que poderían estar en funcionamento como camas de UCI pero que non o están”, para así conseguir reducir de forma artificial a ocupación deste servizo a un 25%.

Informe sobre as vacinas

O líder dos socialistas galegos reclamoulle á Consellería de Sanidade un informe “obxectivo e real” sobre as irregularidades detectadas no proceso de vacinación contra o coronavirus “que especifique que cargos do PP recibiron as vacinas sen formar parte da poboación prioritaria”.

Iso, despois de sinalar que o presidente da Xunta “enganou” cando negou no Parlamento que houbera alcaldes do PP vacinados, xusto antes de coñecerse que a alcaldesa de Boimorto fora vacinada no primeiro momento.

“Todos temos que ser rigorosos e serios coas vacinas, e tamén transparentes”, recalcou o responsable do PSdeG, quen criticou que Feijóo tente “colocarse medallas” asegurando que en Galicia poderían poñerse todas as vacinas en poucas horas cando o sistema colapsou durante a habitual campaña da gripe.

AP-9

En paralelo, sobre o debate que mañá terá lugar no Congreso sobre a AP-9, Gonzalo Caballero lamentou que o presidente da Xunta teña renunciado a formar parte da delegación galega que defenderá a iniciativa do Parlamento de Galicia para comece o trámite da transferencia a Galicia da titularidade desta vía.

“Feijóo ten que recoñecer que cun goberno progresista se van reducir as peaxes e se vai abrir o debate da transferencia da AP-9, o que non ocorría con Aznar, con Rajoy, con Ana Pastor e con Feijóo de cómplice”, sentenciou o líder socialista.

Ademais, lembrou que foi Aznar quen adiou a concesión da AP-9 ata 2048, cunha decisión “inmensamente lesiva para os galegos e galegas”, e que Rajoy se negara en repetidas ocasións a abrir o debate sobre a transferencia.

Finalmente, sinalou que “o PSdeG está preocupado polo altísimo custe” das peaxes da autoestrada, e por iso os Orzamentos para este ano incorporan 63 millóns de euros de bonificacións para compensar as peaxes”.