Gústache a música? Gustaríache, xunto con algún compañeiro ou compañeira, formar un grupo? Formas xa parte dalgunha banda pero precisades un local de ensaio ben equipado? Todas aquelas e aqueles que respondan afirmativamente deben botar un ollo á nova convocatoria de Ensaiamos, o servizo de apoio a iniciativas musicais posto en marcha en 2006 e polo que a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria segue apostando.
O curso pasado participaron no programa 12 grupos e dous solistas, algúns principiantes na iniciativa e outros que, satisfeitos coa experiencia do ano anterior, non dubidaron en repetir. “Ensaiamos é un proxecto xa consolidado do que nos sentimos especialmente orgullosos”, explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, que fai fincapé en que moitos dos grupos participantes acadaron xa un gran nivel, caso, por exemplo, de Cool Cucumbers, gañadores do festival Ensaiamos Colleita en 2015, 2016 e 2018. “Son o mellor exemplo, pero non o único, algúns dos grupos que arrancaron o ano pasado acadaron xa un excelente nivel, o que demostra o grao de implicación e ilusión dos participantes”, engade o responsable de Actividades Culturais, que anima tamén a participar a calquera integrante da comunidade universitaria ao que lle apeteza, independentemente de que teña ou non, unha formación. “Sempre hai a posibilidade de integrarse nalgún dos grupos ou continuar en solitario. De feito, temos xa algún grupo formado por solistas que non se coñecían e que agora son dos mellores”, recalca Caride.
Inscricións ata o 10 de outubro e xuntanza o xoves 11
O local que se pon a disposición dos grupos ou solistas é o Teatro Vidal Bolaño, situado na Cidade Universitaria, e todos os interesados e interesadas en participar no programa teñen ata o vindeiro 10 de outubro para tramitar as súas solicitudes. Xusto a continuación, o xoves 11, haberá unha xuntanza na sala 1 do edificio Miralles, de asistencia obrigatoria –cando menos para un representante de cada un dos grupos- para definir os horarios.
Ademais do local, os músicos poderán dispor dun equipo que consta dunha batería de cinco corpos, dous amplificadores combo de guitarra de 100w, un amplificador de baixo de 150w, unha mesa de mesturas de 10 canais mono, dous auxiliares e entradas e saídas RCA, dous altofalantes autoamplificados de 300w, catro micrófonos cos seus respectivos soportes e todo o sistema de cables necesarios.
Entre os participantes establecerase un horario de uso do local e do equipo, podendo elixir entre diferentes alternativas: os luns de 12.00 hora a 15.00 horas e de 18.00 a 21.00 h; os martes de 12.00 a 15.00 e de 16.00 a 21.00 h, e os venres de 13.00 a 15.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
O requisito imprescindible para poder participar no programa é que, polo menos, dous integrantes do grupo sexan membros da comunidade universitaria, ou tres se a banda ten cinco ou máis compoñentes. Tamén se aceptan solistas ben para formar un grupo entre solicitantes dunha nova banda, ben para integrarse nalgún grupo que precise completarse.
Ensaiamos Colleita, a gran cita co público
Ao igual que nas anteriores edicións, o broche de ouro do programa porao o xa clásico festival Ensaiamos Colleita, unha cita inserida na programación cultural do segundo cuadrimestre e na que se lle dá aos grupos a posibilidade de subirse ao escenario e amosarlle ao público todo o seu talento. Ademais, ao grupo gañador dáselle tamén a oportunidade de gravar unha maqueta no estudo da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co produtor Javier Abreu, o que lle servirá ao grupo para completar a súa carta de presentación musical.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.