“O funcionamento do satélite LUME-1 está a ser estupendo e non se detectou ningún problema ao longo deste ano”. Con estas verbas resume o docente e investigador e responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, o comportamento do satélite LUME-1, que foi lanzado ao espazo o 27 de decembro de 2018 co obxectivo de testar a súa eficacia na loita contra os lumes forestais, ao abeiro do proxecto FIRE-RS. Logo de algo máis dun ano no espazo, o cuarto satélite desenvolvido pola Universidade de Vigo superou as 5700 órbitas á Terra, sen que ao longo deste máis de 12 meses se detectase ningún problema no seu funcionamento.
“O satélite supuxo un paso moi importante no desenvolvemento do sistema electrónico que se incorporou. O sistema de comunicacións TOTEM é un totalmente novo e incorpora toda a experiencia das misións anteriores, pero está baseado no paradigma denominado SDR (Software Defined Radio), ou radio definida por software, que permite actualizar completamente o sistema de comunicacións abordo durante a misión”, explica Aguado, que destaca que froito da cooperación acadada coa comunidade de radioafeccionados, desenvolveuse tres meses despois de lanzar LUME-1 unha aplicación totalmente nova, que se puido probar satisfactoriamente no satélite. Precisamente o sistema de comunicacións TOTEM é un dos elementos que a Universidade de Vigo transferiu á spin-off Alén Space para a súa comercialización. “Así mesmo, cómpre destacar como outro dos aspectos fundamentais deste proxecto a formación de profesionais e moitos investigadores, que participaron na misión e en anteriores e que actualmente forman parte de Alén e que creo que é un aspecto moi importante que hai que sinalar como un éxito da UVigo”, sinala Aguado.
Da posta en marcha do satélite á realización de probas cun servizo de radioafeccionados
Despois do seu lanzamento a bordo dunha nave Soyuz desde a base rusa de Vostochny en Siberia e a súa posterior posta en órbita, os dous primeiros meses de operacións de LUME-1 estiveron centradas na posta en marcha do satélite, fase denominada LEOP (Launch and Early Operations), continuando coa fase de Comissioning, que comprende a comprobación de que tanto a plataforma, como a carga útil de comunicacións, funcionaban correctamente de acordo ao desañado en terra. “Ata finais de xuño de 2019, as operacións de LUME-1 centráronse en realizar e dar apoio ás probas programadas dentro de FIRE-RS, que incluíron dúas demostracións en Vigo e Porto. A primeira centrouse en validar a comunicación entre os sensores de terra e o centro de control a través da retransmisión da información a través do satélite. Na segunda demostración, en Porto, púidose comprobar como unha vez detectado o lume forestal xerábanse plans automáticos de voo dos drones que permitían validar nun lume sintético a fronte”, detalla Aguado.
Desde ese intre, se están a realizar, a parte das tarefas de seguimento rutinario do satélite, algunhas probas cun servizo de radioafeccionados (digipeater), desenvolvendo probas pasivas de recepción de comunicacións en banda L e de monitorización do espectro para caracterizar as interferencias na banda de radioafeccionados de UHF. En canto ao futuro de FIRE-RS, Aguado confirma que “desgraciadamente, aínda que pasamos o primeiro corte, non nos concederon o proxecto no programa SUDOE na solicitude de prórroga, que estaba centrada en desenvolver un vehículo autónomo terrestre que dese soporte ás forzas de loita contra os incendios”. Dado que LUME-1 é un cubesat que non ten redundancia e está fabricado por competentes electrónicos comerciais e ata a data non amosou ningún tipo de degradación, é moi difícil predicir con exactitude a vida útil que lle resta. “En calquera caso, a electrónica utilizada foi voada noutras misións, que en moitos casos duraron dous ou tres anos, ou incluso máis, polo que é posible que poidamos ter LUME-1 operativo durante bastantes meses máis”, explica o responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo.
Balance de trece anos de historia espacial e un futuro que se chama WipTherm
Trece anos e catro satélites despois de comezar a súa particular traxectoria, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo fai un balance “moi positivo e tremendamente intenso”, destacando o apoio e participación do profesorado da EE de Telecomunicación, integrado no centro atlanTTic, da ES de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría Industrial. “Un balance que inclúe desenvolver con éxito catro satélites na Universidade, a formación de practicamente 80 enxeñeiras e enxeñeiros, que actualmente traballan como recoñecidos profesionais no mundo e apoiar a creación da spin-off Alén Space, é algo que sinceramente, non nolo creríamos cando empezamos hai trece anos”, reflexiona Fernando Aguado.
Na actualidade a Agrupación Aeroespacial traballa no proxecto WipTherm, que cunha duración de tres anos, desenvolverá un sistema de alimentación sen fíos a través dun láser pulsado, fundamentalmente para misións de cubesats de espazo profundo. “Así mesmo, tamén queremos apoiar novas iniciativas formativas e educativas para o alumando da Universidade, para que se formen novos estudantes e investigadores e así contribuír ao desenvolvemento do sector espacial galego, nacional e internacional”, apunta Fernando Aguado, que sinala que a participación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo permitirá agora cubrir aspectos nos que carecían de experiencia “e que serán moi útiles nas novas misións, que sen dúbida, teremos no futuro na Universidade de Vigo”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.