María Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Jacquelyn Campbell, experta en violencia de xénero da Universidade Johns Hopkins, serán as próximas doutoras Honoris Causa pola Universidade de Vigo, despois que o Consello de Goberno aprobase, na súa sesión ordinaria de hoxe, as propostas formuladas desde os departamentos de Física Aplicada e de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, respectivamente. Con esta resolución, Paz Andrade e Campbell converteranse nas vixésimo sétima e vixésimo oitava Honoris Causa da institución viguesa, elevando a catro, tras Lynn Margullis e Eirén Moure, o número de mulleres que desde o ano 1992 recibiron a máxima distinción académica que outorga a Universidade de Vigo.
A resolución sobre as novas doutoras Honoris Causa foi un dos acordos adoptados hoxe polos membros do Consello de Goberno, nunha sesión na que tamén se aprobou un límite de 3702 prazas para de novo ingreso de grao para o curso 2018-2019, que arrancará o 3 de setembro e rematará o 31 de agosto, sendo este último mes non lectivo. Na sesión deste mércores, na que a comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo, presentou o plan estratéxico do campus de especialización, aprobouse o Protocolo marco de actuación para o cambio de nome e xénero de uso común das persoas transexuais, transxénero e intersexuais, que converte a Vigo na primeira universidade galega e unha das poucas en España en dispoñer dunha normativa destas características.
Na sesión de hoxe tamén viu a luz a Normativa de transferencia e recoñecementos de créditos de titulacións de grao e mestrado; a programación docente anual (PDA) de grao e mestrado para o vindeiro curso; os procedementos e criterios de selección de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de profesorado titular e de promoción interna a catedrático de universidade para este ano e a proposta de táboa de ponderacións para o acceso ás universidades do SUG. Tamén se deu luz verde ao cambio de denominación do Centro Singular de Investigación Oceáno Ecimat por Centro de investigación mariña da Universidade de Vigo co acrónimo IM-UVigo, así como ao regulamento da Biblioteca Universitaria e a participación nas empresas Alen Space e Biofast como EBT da Universidade de Vigo.
Dúas mulleres, dúas novas doutoras Honoris Causa
Dous mulleres sumaranse ao cadro de Honoris Causa da Universidade de Vigo, integrado a día de hoxe por 24 homes e dúas mulleres: María Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Jacquelyn Campbell, experta en violencia de xénero da Universidade Johns Hopkins.
A candidatura de Paz Andrade xorde da proposta de Marta María Mato e José Luis Legido, do Departamento de Física Aplicada, para recoñecer a súa traxectoria científica como referencia mundial en Microcalorimetría, Termoxénese e Calorimetría Diferencial de Barrido. Actualmente Paz Andrade é profesora-investigadora Ad Honorem na USC, onde creou un dos máis destacados laboratorios de microcalorimetría de España e do mundo. En 1999 Paz Andrade comezou a desenvolver proxectos de investigación relacionados cos incendios forestais, creando o grupo THOR para elaborar ferramentas informáticas para a loita integral contra os lumes do que forman parte 44 especialistas de diferentes universidades. O director do Departamento de Física Aplicada, Manuel Martínez Piñeiro, cualificou a Paz Andrade de “figura senlleira da Física en Galicia e figura moi relevante na ciencia galega cun currículo que é un exemplo do que debe ser unha gran investigadora”.
Pola súa banda, a profesora do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa María Lameiras foi a encargada de impulsar a candidatura de Jacquelyn Campbell, fundamentada “no excepcional currículo académico no ámbito da violencia de xénero cunha brillante traxectoria académica na Universidade Johns Hopkins nos EEUU, que se remonta a case catro décadas, nas que cabe subliñar tamén o seu destacado papel de liderado e activismo a favor da igualdade e contra todas as formas de violencia que sofren as mulleres no mundo”. A súa traxectoria académica iníciase na década de 1980, cando comeza un estudo pioneiro sobre a violencia de xénero, cando este era aínda un tema invisibilizado e, en consecuencia, afastado do foco da ciencia. Con preto de 300 publicacións, Campbell tamén deseñou un instrumento para avaliar o risco de homicidio, Danger Assessment (DA), que se está a empregar en 28 estados de EEUU en casas de acollida, nos tribunais, departamentos de emerxencias, así como noutros servizos de saúde, e tamén en sete países máis.
O próximo curso arrancará o 3 de setembro con 3702 prazas de grao de novo ingreso
Na súa sesión de hoxe, o Consello de Goberno tamén aprobou o límite de prazas de novo ingreso en titulacións de grao para o curso 2018-2019, un total de 3702. No campus de Ourense non houbo modificacións respecto do curso actual e ofertaranse 920 prazas. No caso de Pontevedra, o número de prazas, 715, tampouco sofre cambios, aínda que si se modificou a distribución das prazas de Dirección e Xestión Pública, que ofrece cinco prazas máis na modalidade presencial e cinco menos na semipresencial. O campus de Vigo, finalmente, ofertará un total de 2067 prazas, cinco menos ca no presente curso, coa principal novidade das 50 prazas para o novo grao de Enxeñaría Biomédica, que se detraen das reducións operadas en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática de 90 a 79; Enxeñaría en Organización Industrial de 73 a 64; Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais de 100 a 88 e Enxeñaría Mecánica que pasa de 140 a 122. Pola súa banda o Grao en Comercio pasa de 104 a 99.
O Consello de Goberno tamén deu hoxe o visto bo ao calendario do curso 2018-2019, que arrancará o 3 de setembro e rematará o 31 de agosto, sendo este último mes non lectivo. O primeiro cuadrimestre estenderase do luns 3 de setembro ao venres 18 de xaneiro e o segundo do 21 de xaneiro ao 31 de maio. A docencia interromperase entre o 21 de decembro e o 7 de xaneiro; o 4 e 5 de marzo polo Entroido e dende o 15 ao 20 de abril pola Semana Santa.
Polo que respecta ao aloxamento, os prezos dos complexos residenciais O Castro, en Vigo, e As Burgas, en Ourense, increméntanse un 1.1% correspondente ao IPC.
Un protocolo pioneiro en Galicia para o cambio de nome e xénero
Outro dos puntos que se trataron na sesión deste mércores foi a aprobación do Protocolo marco de actuación para o cambio de nome e xénero de uso común das persoas transexuais, transxénero e intersexuais. Deste xeito, a institución viguesa convértese, como destaca a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, “na primeira universidade galega e unha das poucas do Estado” en contar cunha normativa deste tipo que garante o dereito á libre manifestación da identidade e expresión de xénero sen sufrir ningún tipo de discriminación”. Establécese así o procedemento para asegurar o dereito das persoas a ser identificadas internamente, na Universidade de Vigo, co nome e xénero correspondentes ao xénero co que realmente se identifican ( nome e xénero de uso común), nos casos en que estes non coincidan cos legalmente asignados (nome e mención rexistral de sexo legais).
Presentado o Plan estratéxico do Vigo Tecnolóxico
A comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo, foi a encargada de debullar os detalles do plan estratéxico de especialización do campus vigués, centrado nos ámbitos biomédico, das telecomunicacións, industria e enerxía e aeroespacial. “É un plan ambicioso de longo percorrido e un elemento clave ha dinamización dos catro ámbitos de traballo do Vigo Tecnolóxico”, asegurou De Lorenzo en relación co plan, no que se detallan cinco prioridades estratéxicas ata o ano 2025: formación avanzada; investigación e talento; transferencia e innovación; posicionamento estratéxico e financiamento. En canto ao modelo de gobernanza, defínese un nivel superior onde está o comité de dirección, integrado polas direccións dos centros da Universidade que integran o Vigo Tecnolóxico (atlanTTic, Cinbio, Inex e Cinae) e presidido pola comisionada e dous comités consultivos, un internacional e outro rexional.
Declaracións de interese de novas titulacións
Na sesión celebrada hoxe, aprobouse a declaración de interese para a implantación no curso 2019-2020 do Grao en Deseño e Creación. No caso dos másters aprobáronse as declaracións de interese dos novos mestrados en Enxeñaría Aeronáutica, en Ciencia e Tecnoloxía do Espazo, en Visión por Computador, en Xestión e Dirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e Seguridade da Información e en Industria 4.0.
En canto aos programas de doutoramento, aprobouse a expresión de interese do PD en Turismo; a expresión de interese para verificación do PD en Protección do Patrimonio Cultural e a expresión de interese para modificación do PD en Ciencia e Tecnoloxía Química.
Guía de boas prácticas en investigación e comité de xestión de risco biolóxico
Por outra banda, as e os membros do Consello deron luz verde á Guía de boas prácticas en investigación e ao comité de xestión de risco biolóxico. A guía, que recolle un conxunto de compromisos e recomendacións que servirán como guía ao persoal investigador, é un instrumento de autorregulación que complementa á lexislación en vigor. Liberdade, honestidade, responsabilidade, rigor e conflito de interese son os valores que deben estar presentes en todas as fases da actividade investigadora, segundo a guía, que tamén aborda aspectos como a organización da investigación, a súa planificación e desenvolvemento, a difusión de resultados, a seguridade e a avaliación por pares.
Mentres, o comité de xestión de riscos biolóxicos debe asegurar a identificación, implementación e mantemento de metodoloxías axeitadas para a avaliación e rexistro dos riscos que se derivan do traballo con axentes biolóxicos, co obxectivo de protexer ao persoal e cumprir coa lexislación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.