Máis de 125.000 alumnos benefícianse este curso do Fondo Solidario e das axudas a libros de texto da Xunta de Galicia

A Consellería de Educación reparte 564.000 manuais do fondo dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria e os catro cursos de ESO.
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Educación,Xunta de Galicia

Máis de 125.000 alumnos benefícianse este curso do Fondo Solidario e das axudas a libros de texto da Xunta de Galicia

Un total de 125.200 alumnos benefícianse no presente curso das axudas da Xunta de Galicia para os libros de texto, ben a través da participación no Fondo Solidario (dirixido a alumnado de entre 3º e 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO), ben a través das axudas para a compra de libros no caso dos rapaces de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial. Así mesmo, outros 100.142 rapaces recibiron os vales para a adquisición de material escolar.

Co fin de reforzar o apoio ás familias ante a situación de crise xerada pola pandemia e a atención aos máis desfavorecidos, na convocatoria deste curso a Consellería de Educación aumentou as contías das axudas para a compra de libros (preto de 19,7 millóns de euros, o que supón un incremento de case o 63% con respecto aos 12,1 M€ do curso pasado); e flexibilizou os límites de renda para acceder aos vales de libros, material escolar e ao Fondo Solidario de libros, cunha maior cobertura en canto ao alumnado beneficiario.

O reparto do orzamento total de 19,7 M€ faise a razón de 7.750.000 € para o Fondo Solidario de libros de texto, 6.430.000 euros para as axudas a compra de libros e os 5.500.000 euros restantes para vales de material escolar.

Fondo Solidario

Con cargo ao Fondo Solidario de libros de texto, neste curso a Consellería de Cultura, Educación e Universidade repartiu un total de forma gratuíta un total de 564.002 libros, o que alcanza a un total de 97.849 alumnos de 3º a 6º curso de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO.

Así mesmo, outros 27.351 alumnos beneficiáronse das axudas da Consellería para a adquisición de manuais, destinadas aos rapaces matriculados en 1º e 2º de Educación Primaria ou Educación Especial (que quedan fóra do sistema do Fondo Solidario, xa que se trata, con carácter xeral, de material non reutilizable).

A asignación de manuais dispoñibles no Fondo Solidario faise por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar e, de ser necesario, o centro adquire os libros complementarios que sexan precisos para garantir unha cobertura similar á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas (6 ou 4 libros por alumno/a segundo o caso).

Deste xeito, e atendendo aos criterios de renda, o 94,14% dos alumnos de Primaria e de Secundaria beneficiarios do fondo recibiron catro ou máis libros de balde.

O Fondo Solidario está deseñado para garantir que as familias con rendas máis baixas sexan as primeiras destinatarias do programa de forma que poidan ser beneficiarias do maior número de libros dispoñibles.

Axudas para compra de libros

No que atinxe ás axudas para a adquisición de libros -dirixidas a quen cursan 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial-, beneficiáronse un total de 27.351 alumnos neste curso.

Neste caso modificáronse á alza as contías e flexibilizáronse os tramos de renda con respecto ao curso pasado. Así, as contías recibidas son de 210 ou de 140 euros por alumnos en función da renda (antes eran de 170 ou 90 euros) ; a excepción do alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (supostos no que non se ten en conta a renda), que recibe 275 euros fronte aos 250 do curso pasado.

Axudas para material escolar

No actual curso 2020/2021 un total de 100.142 alumnos recibiron vales para a adquisición de material escolar. Trátase de axudas de 50 euros destinadas ao alumnado matriculado en Educación primaria ou secundaria obrigatoria cuxa renda per cápita familiar sexa igual ou inferior a 6.000 euros (cando o pasado curso estaba establecida en 5.400 euros), e ao alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (con independencia da renda).

Cómpre lembrar que un requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar, é ter devolto os libros recibidos do fondo o curso pasado.

Un sistema solidario con tres eixes

O sistema solidario habilitado polo Goberno galego para garantir unha educación accesible ao conxunto do alumnado susténtanse en tres eixes fundamentais: o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos cuxos materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.