Marín lanza unha mensaxe de esperanza e de ánimo a través dos seus #EmbaixadoresDoNoso

Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Galicia,Marín

O Concello de Marín, a través da plataforma dixital da economía local Marín en Rede, lanzou o vídeo da campaña #EmbaixadoresDoNoso, unha peza que procura ser un revulsivo para o pobo de Marín despois dun ano tan difícil, motivando a reactivación do municipio de cara a 2021 apoiando o noso, o de Marín.

“Merca, consume e vive local” é a frase común que se defende neste vídeo, segunda peza audiovisual elaborada a través de Marín en Rede, e na que se escolleu a seis persoas de diferentes sectores do municipio para exercer como embaixadores dos nosos valores e capacidades, que nos dan as claves para crear #OMarínQueQueremos.

Pola parte máis empresarial, participou no vídeo a viúva de Ceferino Nogueria, Julia García, que destaca a capacidade traballadora do pobo de Marín e o seu apego familiar. Representando ao eido rural, está Fina Cabaleiro, da Adega de Ardán, que grazas ao seu esforzo foi quen de poñer no mapa produtos coa firma marinense.

Carlos Prado é xornalista e participa no vídeo asegurando que, a pesar de todos os lugares que poidamos visitar, as mellores historias sempre están ao carón da casa. No deporte, contouse coa participación de Irene Trabazo, ciclista sub-23 do XSM Club, que está a acadar grandes logros na súa traxectoria e que está segura de que o noso pobo é capaz de alcanzar calquera cumio, pedalada a pedalada.

E incluso nos peores momentos, como é este ano marcado pola pandemia e o seu confinamento, Marín conseguiu ver novas aventuras empresarias nacer, como foi o caso de Los Tres Monos, o restaurante que abriron Rubén Paz e Fernando Fernández en Aguete e que quixeron transmitir ao vídeo ese espírito valente e emprendedor.

Finalmente, a artista Celeste Garrido representa ao sector cultural, afirmando a necesidade de apostar por un Marín vangardista, culto e integrador, que utilice as artes como un catalizador máis do crecemento e o progreso do municipio.

O Concello quere agradecer a todos estes embaixadores a súa desinteresada participación e espera que a sociedade marinense se sinta apoiada e esperanzada de cara a un 2021 que será un ano de melloras, cambios e avances para Marín. Porque é preciso seguir adiante. E para iso o noso comercio, a nosa hostalaría e todo o noso tecido produtivo necesítanos máis ca nunca, porque así seguiremos creando #OMarínQueQueremos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.