Marina Ortega reclámalle á Xunta que inclúa a Casa da Xuventude de O Carballiño nos Orzamentos de 2021

Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Política,PSOE

A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar as emendas do PSdeG aos Orzamentos da Xunta relativas ao Carballiño, que incorporan a rehabilitación e acondicionamento a antiga estación de autobuses para a creación da Casa da Xuventude de O Carballiño. Reclama 2,8 millóns de euros adicionais para que a Xunta faga efectivos os compromisos acadados onte polo presidente da Xunta co concello ourensán, incluíndo a mellora das instalacións do Centro de Saúde.

A parlamentaria socialista sinalou que o Concello conta con máis de 3.000 mozos e mozas que non dispoñen dunha Casa da Xuventude en ningún dos concellos da comarca, e que, dixo, “ben merecen tamén a mellora das instalacións deportivas do Concello”.

Tamén urxiu ao goberno galego a facer efectivo o compromiso acadado onte polo presidente da Xunta co alcalde para mellorar o Centro de Saúde, e que fora ratificado tamén nunha iniciativa parlamentaria do Grupo Socialista aprobada por unanimidade no Parlamento para superar o “estado lamentable” dun inmoble que leva 20 anos sen recibir ningunha mellora arquitectónica”.

Ortega solicitou ademais o saneamento e conexión da rede de alcantarillado da estrada de Ourense coa Edar de Partovia, máxime cando a Xunta “non lle dedicou ao saneamento da localidade nin un só euro dos máis de 3 millóns que leva recadado polo canon de saneamento na última década”.

En materia de infraestruturas, os socialistas galegos presentan unha serie de emendas aos Orzamentos da Xunta para 2021 que inclúen a mellora da seguridade viaria na Avenida de Compostela coa construción dunha rotonda, asfaltado e pintura de carrís. Tamén solicitan a mellora de accesibilidade e seguridade na estrada de Ribadavia.

Finalmente, a parlamentaria socialista pediu facer real a execución do proxecto de musealización da fábrica de papel da Lavandeira, poñendo en valor a única fábrica de papel de trapo rehabilitada na Comunidade Autónoma.

Comentar noticia

Your email address will not be published.