A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por 45.738,00 euros o contrato para redactar a modificación número 2 do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (PSOAEG). A empresa Monteoliva Arquitectura será a encargada dos traballos, cun prazo de execución previsto de nove meses.
Con esta nova modificación do PSOAEG –a primeira fora aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano 2018- búscase satisfacer as necesidades de planificación e desenvolvemento daquelas zonas destinadas a albergar solo para actividades de uso industrial ou terciario, dando así cumprimento ás determinacións fixadas polas Directrices de Ordenación do Territorio e a normativa sectorial aplicable.
Concretamente, os obxectivos principais son modificar, a solicitude dos propios concellos afectados, as determinacións de certos ámbitos para garantir a viabilidade do seu desenvolvemento, así como proceder a cambiar algunhas das determinacións normativas do propio PSOAEG, co fin de clarificar aquelas cuestións que presentan dúbidas de interpretación e adaptalas ás disposicións da nova lexislación que entrou en vigor con posterioridade á súa aprobación.
Cómpre lembrar que o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia foi aprobado pola Xunta no ano 2014 como un instrumento para establecer a planificación dos emprazamentos posibles para o desenvolvemento de futuros parques empresariais, tanto de iniciativa pública como privada.
Esta ordenación realizouse no seu día en base a criterios imparciais para a avaliación dos emprazamentos e responde a un obxectivo de ordenación do territorio, sinalando neste caso onde se poderá desenvolver o futuro solo empresarial.
Actuacións en solo empresarial
Así mesmo, o PSOAEG debe enmarcarse na estratexia impulsada polo Goberno galego nos últimos anos co fin de incentivar e favorecer a implantación de novas empresas e a expansión das xa asentadas nos polígonos da Comunidade.
Así, desde o ano 2015 a Xunta vén aplicando bonificacións do 30% e do 50% no prezo do solo empresarial propiedade do IGVS e de Xestur, e a partir de 2016 tamén empezou a adxudicar parcelas en dereito de superficie, unha modalidade que facilita o acceso a solo empresarial con todos os servizos a cambio do pago dun canon anual moi reducido.
Deste xeito, as bonificacións aplicadas nos últimos cinco anos permitiron adxudicar máis de 2,3 millóns de metros cadrados de superficie empresarial en Galicia, divididos en 476 parcelas correspondentes a 350 empresas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.