Medio Ambiente concedeu este ano preto dun cento de axudas para actuacións nos seis parques naturais por 1,13 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coas subvencións concedidas ao abeiro da convocatoria 2020-2021, cofinanciada con fondos europeos Feader
Publicado por o día 14/12/2020 na sección de Medio Ambiente

Medio Ambiente concedeu este ano preto dun cento de axudas para actuacións nos seis parques naturais por 1,13 millóns de euros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu preto dun cento de subvencións por importe de 1,13 millóns de euros para a execución de diferentes tipos de actuación de mellora e conservación nos seis parques naturais de Galicia. Así consta na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia da convocatoria correspondente ao período 2020-2021.

Concretamente, esta orde de axudas, publicada o pasado mes de febreiro cunha dotación global de 1,4 millóns de euros e cofinanciada nun 75% polo Fondo Agrícola Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), pretende contribuír á conservación e posta en valor dos parques naturais de Galicia financiando investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito que abranguen os parques.

Así, entre os seus fins principais cómpre subliñar a mellora da paisaxe agraria e o desenvolvemento de usos recreativos a través da construción de cercas, sebes ou da restauración de muros; a sinalización de camiños e a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; ou a recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional como poden ser hórreos, miradoiros, cabanas, valados e fontes, entre outros.

Entre os beneficiarios, figuran nove concellos na súa condición de xestores de elementos comúns da paisaxe agraria e unha decena de empresas con domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúan os seis parques naturais galegos.

En todo caso, ao igual que en convocatorias anteriores, a meirande parte dos 84 proxectos seleccionados para recibir unha destas subvencións a executar nos anos 2020 e 2021 están promovidos por entidades e asociacións ambientais de custodia do territorio que son propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas nalgunha das áreas elixibles, así como por particulares titulares de terreos localizados dentro dalgún dos parques naturais.

Seis parques a conservar

Cómpre lembrar que Galicia conta na actualidade con seis parques naturais declarados: Baixa Limia-Serra do Xurés, Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Fragas do Eume, Monte Aloia, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra. Entre todos, suman unha superficie de 49.086,76 hectáreas.

Todos os parques naturais galegos dispoñen de plans de ordenación dos recursos naturais (PORN), constituíndo estes instrumentos un límite para calquera outra ferramenta de planificación territorial ou física.

Tanto nos decretos de declaración dos parques como nos decretos de aprobación dos seus respectivos instrumentos de ordenación establécese a necesidade e o deber de conservar os valores naturais das zonas declaradas, para o que se prevé a creación de diferentes liñas de incentivos que permitan compatibilizar a preservación da biodiversidade co necesario desenvolvemento das zonas declaradas.

Nesta liña encaixa a orde de axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, polo que as subvencións outorgadas destinaranse a financiar proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e ao mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e cos seus hábitats.