Medio Rural convoca 800.000 euros en axudas para indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais

O prazo de presentación de solicitudes arranca mañá e prolongarase ata o 30 de novembro
Publicado por o día 13/01/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Medio Rural convoca 800.000 euros en axudas para indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que regula neste 2021 a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades. En concreto, o orzamento da convocatoria para este exercicio ascende aos 800.000 euros.

Poderán beneficiarse destas achegas os titulares con gando vacún, ovino ou cabrún deba sacrificarse por padecer ou convivir con reses afectadas pola tuberculose, brucelose, leucose ou lingua azul. Tamén os que teñan animais sacrificados, mortos ou destruídos por encefalopatías esponxiformes transmisibles, os que conten con aves sacrificadas dentro dos programas nacionais de control de salmonela, por un foco de influenza aviaria ou por enfermidade de Newcastle e os que teñan porcos sacrificados ou mortos por peste porcina. A maiores, poderá indemnizarse a morte ou sacrificio de animais como consecuencia dunha resolución ou de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, así como por tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico.

Para ter dereito a estas axudas é imprescindible que a explotación estea correctamente inscrita no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) e cumprir a normativa en vigor sobre sanidade e identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal. Tamén será de obrigado cumprimento estar ao día dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais e que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio ordenado pola Consellería do Medio Rural.

O prazo de presentación das solicitudes prolongarase dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no DOG, ata o 30 de novembro de 2021. Os órganos xestores tramitarán, ademais das indemnizacións correspondentes ao ano 2021, todas as solicitudes que quedasen pendentes do exercicio anterior.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210113/AnuncioG0426-231220-0001_gl.html