Medio Rural mellora e moderniza o dispositivo aéreo de loita contra os incendios forestais

O DOG publica hoxe unha resolución da consellería pola que se anuncia a contratación dun servizo integrado de helicópteros, técnicos coordinadores e analistas para prevención, vixilancia e coordinación de medios contra o lume
Publicado por o día 21/03/2018 na sección de Medio Ambiente

A Consellería do Medio Rural mellora e moderniza o dispositivo aéreo de loita contra incendios forestais. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución deste departamento da Xunta pola que se anuncia a contratación dun servizo integrado de helicópteros, técnicos coordinadores e analistas con destino á prevención, vixilancia e coordinación de medios de defensa contra lumes durante os anos 2018 e 2019.

Por medio deste procedemento incorporaranse ao servizo novas tecnoloxías relacionadas con cámaras convencionais e de infravermellos que facilitarán imaxes en tempo real e xeorreferenciadas dos incendios, para a súa análise por parte dos técnicos, coa fin de mellorar a resposta contra o lume. Así, desde o centro de coordinación poderán tomarse, de xeito máis áxil e operativo, as mellores decisións para facer fronte a cada incendio.

Pladiga

Estas novidades estarán xa incluídas na revisión e actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para o 2018, que está previsto que se presente o vindeiro día 5 de abril ao Consello da Xunta. Este documento é a principal ferramenta de planificación do Goberno galego nesta materia e actualízase cada ano antes da tempada de alto risco para mellorar a súa operatividade.

Na resolución que hoxe publica o DOG establécese que a dispoñibilidade de helicópteros e técnicos coordinadores prolongarase durante 276 días, cun total de 450 horas de voo contratadas, que se distribuirán entre os vindeiros meses de xuño e outubro, en función das necesidades do dispositivo. Trátase dun aparello para este ano 2018 e de dous para o devandito período de 2019. O orzamento total de licitación ascende a 1.086.000 euros.

Este helicóptero de coordinación é o único que faltaba por incorporar dos medios aéreos da Xunta, xa que o resto están todos contratados. A eles uniranse os que achegue o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para reforzar o operativo de extinción, con vistas á época de risco alto.

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180321/AnuncioG0426-070318-0003_gl.html