Na procura da creatividade entre a comunidade universitaria

O prazo de presentación estará aberto ata o 21 de xuño e repartiranse 7800€ en premios
Publicado por o día 09/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Na procura da creatividade entre a comunidade universitaria

A Universidade de Vigo busca a creatividade e o talento artístico das persoas que forman parte da comunidade universitaria e faino convocando unha nova edición dos concursos de creación, que comprenden as modalidades de creación audiovisual, fotografía, pintura e maquetas de música, nas que, en total, repartiranse 7800 euros en premios. Organizado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, a convocatoria está aberta a toda a comunidade universitaria e poderanse presentar obras ata o vindeiro 21 de xuño.

Entre a ficción e o documental

Para incentivar as propostas, os premios de creación audiovisual, que cumpren dezasete anos, comprenden catro modalidades: curta narrativa, documental, vídeo experimental e animación. Poderán presentarse, en calquera delas, traballos orixinais que non tiveran sido premiados en outros certames e que teñan unha duración non superior aos 15 minutos, agás no documental, no que as obras deberán ser de, como mínimo, dez minutos de duración.

Poderán enviarse propostas de xeito individual ou colectivo e cada participante ou grupo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades, podendo optar a un primeiro premio de 600 euros e un segundo premio de 300 en cada unha delas.

A mellor fotografía e a mellor serie

Mentres que todos os demais concursos chegan á súa decimo sétima edición, o certame de fotografía cumpre dezaseis anos na procura da mellor fotografía única e serie fotográfica. Así, para participar poderanse presentar tanto imaxes únicas como series de tres, catro ou cinco fotografías, tanto en cor como en branco e negro e cun tamaño maior a 20 cm en calquera das súas dimensións, montadas sobre cartón-pluma ou soportes similares.

A mellor instantánea na modalidade de fotografía única recibirá un premio de 400 euros e un segundo premio de 200 euros, mentres que na modalidade de serie, outorgarase un premio de 600 euros e un segundo premio de 300 euros.

Un premio para a mellor pintura

As e os membros da comunidade universitaria poderán plasmar súa arte sobre un lenzo de non máis de 200 cm na maior das súas dimensións e baixo calquera técnica que se queira empregar. Poderán participar, como nas outras modalidades, estudantes, PAS e PDI, cunha única obra, que debe ser orixinal e non galardoada con anterioridade.

Neste caso outorgarase un único premio de 1500 euros para a obra mellor valorada, se ben existe a posibilidade, se así o decide o xurado, de que unha selección das mellores pinturas presentadas no concurso, formen parte dunha exposición organizada pola Universidade de Vigo.

Na procura dun novo éxito musical

A última modalidade dos concursos á que se poderán achegar ás pezas artísticas é a de maquetas de música. Neste caso, poden concorrer tanto solistas da comunidade universitaria como grupos que teñan entre os seus compoñentes polo menos dous membros que formen parte deste colectivo, ou ben tres cando a banda este composta por cinco ou máis persoas.

Non poderán concorrer a esta convocatoria aquelas propostas que xa conten con algún traballo discográfico editado, exceptuando aqueles autoeditados e que non conten con apoio discográfico. Para premiar ás mellores maquetas, establécese un primeiro premio de 800 euros e un segundo de 400 euros.