Nieves Cifuentes falará en IESIDE sen muros sobre «Sustentabilidade: ¿freo, moda ou panca para os negocios?»

A responsable corporativa de Medioambiente e Sustentabilidade de Naturgy impartirá unha masterclass en directo mañá, xoves 14 de xaneiro, sobre como está influíndo o novo contexto provocado pola crise COVID nos cambios iniciados neste ámbito
Publicado por o día 13/01/2021 na sección de Eventos

13.01.2021. Nieves Cifuentes Valero, responsable corporativa de Medio Ambiente e Sustentabilidade en Naturgy, falará mañá xoves 14 de xaneiro ás 19.00 h sobre «Sustentabilidade: freo, moda ou panca para os negocios?» no contexto de como o impacto da pandemia está a influír nos cambios que xa se iniciou nos distintos ámbitos. A inscrición neste encontro pode realizarse aquí. O Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa, institución de ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, promove a iniciativa IESIDE sen muros na que, nesta nova edición, relatoras de prestixio no ámbito académico nacional e internacional, imparten sesións virtuais gratuítas interactivas e en directo.

Cifuentes exporá na súa masterclass como a sustentabilidade está a empezar a formar parte da «nova normalidade» das empresas, analizando que hai detrás destes compromisos ou ata que punto as empresas inclúen as dimensións ambientais, sociais e de goberno para cubrir o « expendiente», dunha maneira reactiva e independente á súa «core business». Analizará así mesmo que gañan as compañías ampliando a visión dos seus resultados e integrando, ademais da perspectiva económica clásica, os aspectos ambientais e sociais, analizando o cambio de paradigma que se está producindo e como moitas compañías están a obter vantaxes implementando estratexias de sustentabilidade integradas ao negocio.

Nieves Cifuentes Valero

Licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid, cursou tamén un mestrado en Enxeñería e Xestión Ambiental en EOI e un Programa de Desenvolvemento de Directivos en ESADE. Especialista en enerxía, medio ambiente e sustentabilidade, con máis de 25 anos de experiencia, traballou en numerosos países de América Latina, Europa e Asia. Liderou a unidade de medio ambiente en Gas Natural Fenosa Enxeñería, desenvolvendo estudos e ferramentas para garantir a sustentabilidade ambiental e social de importantes instalacións enerxéticas.

Dirixiu proxectos pioneiros no ámbito da enerxía e o desenvolvemento sostible para os principais organismos multilaterais (Comisión Europea, Banco Mundial, BID, etc.), como o Programa Euro-Solar da CE, no que foi directora da Asistencia Técnica, e conseguiu, mediante a innovación tecnolóxica e social, utilizar as enerxías renovables como motor de desenvolvemento para máis de 300.000 persoas de comunidades vulnerables en oito países de Latinoamérica que carecían acceso á electricidade. Actualmente é a Responsable Corporativa de Medio Ambiente e Sustentabilidade en Naturgy, encargándose de impulsar a transformación da compañía cara a un futuro descarbonizado e sostible a través da transición enerxética, a economía circular e o desenvolvemento do capital natural.

Os contidos de IESIDE sen muros abordan diferentes ámbitos de interese xeral e profesional, vinculados ás áreas de especialización, docencia e investigación de IESIDE e que son de amplo interese xeral. As sesións teñen un carácter interactivo, abrindo unha canle de participación ao público, e complétanse cun programa específico dirixido á comunidade de estudantes de IESIDE.

Comentar noticia

Your email address will not be published.