Noa Díaz reclámalle á Xunta que incorpore aos Orzamentos 2,6 millóns de euros adicionais para atender ás principais necesidades de Ribeira

Publicado por o día 12/01/2021 na sección de Política,PSOE

Noa Díaz reclámalle á Xunta que incorpore aos Orzamentos 2,6 millóns de euros adicionais para atender ás principais necesidades de Ribeira

A parlamentaria socialista Noa Díaz mantivo hoxe un encontro de traballo co Grupo Municipal Socialista de Ribeira, encabezado polo portavoz municipal Manuel Vilas, con quen analizou as principais necesidades do Concello que os socialistas incorporarán nas emendas aos Orzamentos da Xunta para 2021, que serán debatidos na última semana de xaneiro no Pleno do Parlamento.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego distintas actuacións no Concello por 2,6 millóns de euros para afrontar os “problemas recorrentes” que ano tras ano ten que afrontar o Concello. Os socialistas galegos reclaman así 400.000 euros para a reforma do Centro de Saúde, 300.000 euros para comezar coa construción dunha nova Residencia de Maiores na periferia do Concello, ou 300.000 euros para ampliar o Centro de Día.

Díaz urxiu ao presidente da Xunta a cumprir co seu compromiso de aprobar o Plan Reitor do Parque Natural de Corrubedo, que anunciou hai dous anos para “metelo nun caixón, sen que saibamos nada del ata o día de hoxe”, e que apenas suporía un investimento inicial de 30.000 euros, así como outros 200.000 euros para o Plan Forestal.

Finalmente, os socialistas galegos solicitan un millón de euros para a construción dun novo Museo do Mar e da Pesca de Ribeira, e outros 100.000 euros para a posta en valor do Peirao Ciclópeo A Cobasa.