O alcalde de Pontevedra recibe a Paula Dapena para “facerlle un recoñecemento público”

Publicado por o día 04/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Cultura, Carme Fouces, recibiu esta mañá na alcaldía á futbolista Paula Dapena como “recoñecemento público” para darlle “os parabéns no nome de todos os pontevedreses por tomar esa decisión que tivo moita transcendencia e que é fundamental para que a sociedade vaia avanzando en igualdade”.

A decisión fora a de negarse a participar na homenaxe pública a Maradona por consideralo un maltratador. Ese xesto e a gran repercusión mediática e social que tivo foi salientado por Fernández Lores asegurando que “moitas veces feitos individuais fan avanzar más a sociedade” ao tempo que manifestou a esperanza de que teña tamén “repercusión positiva para ela e para o  seu club”.
O alcalde tamén lle agrecedeu a Paula Dapena que lle agasallara unha camisola co seu número, o seis, porque asegurou “a camisola co seu número no seu clube está sendo moi demandado pola xente porque queren agradecerlle ese xesto”. Neste sentido, o Concello realizará unha compra de camisolas co dorsal de Paula Dapena para agasallar aos escolares que visitan o Concello ao longo do ano.

Pola súa banda, a propia Paula Dapena manifestou a súa esperanza de que o seu xesto “sirva para crear un pouquiño de conciencia na sociedade e avanzar un pouquiño máis na igualdade”.