O catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2018 difunde a produción galega máis recente para as lectoras e os lectores novos, con máis de 130 títulos publicados no último ano por 28 editoriais. Destinado á presentación comercial do libro galego no exterior, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita esta obra en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, e co apoio da Asociación Galega de Editores (AGE).
“Esta publicación vai ser a embaixadora do nosa literatura infantil e xuvenil, non só dentro, senón especialmente fóra das nosas fronteiras, coa presentación da obra das nosas autoras e dos nosos autores en diversos foros profesionais”, explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación do libro. “Este catálogo, que me atrevo a cualificar como un dos máis fermosos e coidados do sector,” continuou Anxo Lorenzo, “vaille dar difusión ao conxunto de propostas editoriais que representan a sobresaínte calidade da literatura infantil e xuvenil en Galicia.”
A edición trilingüe do catálogo, en galego, castelán e inglés, permítelles a escritores, ilustradores e editores contar cun material de presentación para a promoción dos seus libros nos encontros internacionais do sector. A presentación en Galicia tivo lugar esta mañá na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, a cargo do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo; e da secretaria da AGE, Ana Guerra. A subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; o director da biblioteca, Jesús Torres; e a xefa do servizo do Libro e Publicacións, Dolores Tobío, tamén acompañaron a presentación.
Difusión exterior
Cunha tiraxe de 300 exemplares e unha ampla difusión dixital a través da web de Cultura da Xunta de Galicia, en www.cultura.gal, o catálogo nace co obxectivo, segundo explicou, de lles ofrecer aos axentes do sector do libro que traballan para o público máis novo unha ferramenta de utilidade para divulgaren o seu traballo en Galicia e, tamén, fóra, xa que “estará a vindeira semana na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña 2018 (do 26 ao 29 de marzo), no que se consolida como o máis importante escaparate do mundo para este tipo de literatura.” A publicación tamén se divulgará nas principais feiras internacionais do libro nas que participará Galicia ao longo do ano.
Día do Libro infantil e xuvenil
O secretario xeral de Cultura anunciou que as bibliotecas públicas de xestión autonómica se van sumar á celebración, o vindeiro 2 de abril, do Día do Libro Infantil e Xuvenil, con distintas actividades das que se dará información nos vindeiros días e entre as que destacou o concurso Un conto de H. C. Andersen en banda deseñada que, convocado por Gálix, anima os máis novos a escoller o seu libro favorito deste escritor e debuxalo en forma de viñetas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.