O Catálogo de Praias de Galicia, que identifica case mil areais na comunidade galega, entrará en vigor o vindeiro 3 de maio

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se identifican un total de 987 praias, das cales 745 son naturais, 200 urbanas e 42 urbanas con plans de protección ou de conservación de especies
Publicado por o día 12/04/2019 na sección de Medio Ambiente

O Catálogo de Praias de Galicia, que identifica case mil areais na comunidade galega, entrará en vigor o vindeiro 3 de maio

O Catálogo de Praias de Galicia, que identifica case mil areais na Comunidade galega, entrará en vigor o vindeiro 3 de maio, ao publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se catalogan os tramos urbanos e naturais de Galicia. O documento, que tomou como referencia o Plan de Ordenación do Litoral, identifica case 1.000 praias (987), da cales 745 son naturais, 200 urbanas e as restantes (42), urbanas con plan de protección.

En base a esta regulación habilítase unha norma concreta, que ata o momento non existía, achegando seguridade xurídica; ao mesmo tempo que se definen os límites de cada Administración dentro das súas competencias en ditos tramos ou praia, como por exemplo o outorgamento de títulos de ocupación en Dominio Público Marítimo Terrestre.

Así, as praias son parte do Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT), titularidade do Estado, polo que é a administración que lexisla e fixa o seu réxime de protección e exerce as competencias para a súa protección (deslindes, outorgamento de títulos para uso das praias -autorizacións e concesións-, potestade sancionadora).

Á Comunidade autónoma correspóndelle a súa ordenación (instrumentos de planificación territorial e urbanística) e aos concellos, dado que as praias son parte do termo municipal, correspóndelles a planificación dos usos do solo, sempre dentro do que marca a lexislación de Costas.

En base a esta nova ferramenta, considerarase praia urbana -ou tramo- aquela que estea integrada nunha área urbana que reúna algunha das seguintes características: clasificada como urbana ou consolidada pola edificación nun mínimo dun cincuenta por cento da súa lonxitude ou se atopen dotadas dalgúns servizos como acceso peonil e rodado, dispoñan de subministro de agua potable e enerxía eléctrica ou rede de saneamento.

Por outra banda, catalóganse como praias naturais aquelas que non cumpran os criterios anteriores. Asemade, tamén se establece unha distinción para as praias naturais -ou tramos- que están situadas en ámbitos nos que se aplica un plan de protección ou de conservación de especies, conforme á lexislación sobre conservación da natureza; polo que os usos e actividades a realizar deberán ser acordes co establecido nos seus correspondentes instrumentos de planificación, debendo contar con autorización ou informe do órgano competente en materia de patrimonio natural, nos termos previstos na normativa ou nos instrumentos de planificación de aplicación.

Grazas a esta nova catalogación desenvólvese o mandato normativo contido na disposición transitoria 24 do Regulamento xeral de costas (RD 876/2014, do 10 de outubro), no que se sinala que a administración competente en materia de ordenación do territorio deberá delimitar os tramos das praias de acordo co artigo 67 do dito regulamento.

Autorización de instalacións

Tendo en conta as características do areal, ou dous seus tramos, que se atopen en Dominio Público Marítimo Terrestre permitiranse a instalación de establecementos de comidas e bebidas cunhas características concretas, tal e como xa se establece na normativa estatal de Costas.

No caso daquelas praias e tramos naturais, as instalacións serán desmontables, temporais e máis pequenas; pois só se autorizará a ubicación de instalacións ao aire libre (chiringuitos) desmontables entre os meses de maio e outubro e que teñan unha superficie máxima de 70 metros cadrados, dos que 20 metros como máximo serán de instalación pechada. Asemade, tamén se define a necesidade de manter unha distancia mínima entre as mesmas (uns 300 metros cadrados) e -no seu conxunto- terán unha ocupación inferior ao 10% da superficie da praia en marea alta.

No caso das praias urbanas, ou dos seus tramos, permitiranse instalacións fixas e temporais. Para estas últimas, mantense a mesma superficie que nas praias de tramos naturais, coa diferencia que a distancia entre as mesmas será duns 100 metros cadrados e o conxunto das instalacións deberán ter unha ocupación inferior ao 50% da superficie da praia en marea alta.

En canto ás instalacións fixas en praias urbanas, terán unha superficie de 200 metros cadrados, dos que 150 poderán ser pechados e os restantes serán para terraza pechada e desmontable. Poderán engadirse 70 metros cadrados de ocupación aberta e desmontable, así como unha zona de aseo que non supere os 30 metros cadrados de uso público e gratuíto. A distancia mínima entre dúas instalacións deste tipo será de 150 metros cadrados entre as mesmas.