O Centro Demostrador TIC da Amtega acumula máis de 16.000 reproducións das súas sesións transmitidas por streaming

Na sección “En diferido” da páxina web do Centro Demostrador TIC pódense ver os vídeos das sesións retransmitidas e de algunhas presenciais.
Publicado por o día 02/09/2018 na sección de Internet,Xunta de Galicia

O Centro Demostrador TIC da Amtega acumula máis de 16.000 reproducións das súas sesións transmitidas por streaming

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén publicar as gravacións últimas sesións de #DemosXWeb, nas que se expuxeron temas de actualidade como a nova Normativa Xeral de Protección de Datos (RXPD), as subvencións para mellorar o ERP na empresa e o uso profesional da aplicación de mensaxería Whatsapp. As sesións foron seguidas en directo por decenas de espectadores que ao final das mesmas puideron trasladar as súas dúbidas aos relatores nunha quenda de preguntas.

Para aquelas persoas interesadas que non poden conectarse en directo, o CDTIC ofrece na sección “En diferido” da súa páxina web (https://cdtic.xunta.gal/en-diferido), as gravacións de todas as actividades transmitidas por streaming para que podan ser reproducidas en calquera momento e desde calquera dispositivo (móbil, ordenador ou tableta), o que permite acceder ás actividades do CDTIC de forma máis flexible e adaptada as necesidades das empresas.

#DemosXWeb, acceso a solucións dixitais sen desprazamentos

Esta iniciativa consiste en sesións demostrativas dunha hora, que se retransmiten exclusivamente por streaming, onde provedores TIC galegos expoñen as características e beneficios no emprego de produtos ou servizos dixitais para optimizar os procesos internos das empresas, incrementar as vendas, mellorar a relación cos clientes, maximizar a produtividade ou mellorar a presenza da empresa en Internet ou nas redes sociais.

DemosXWeb, convértese ademais nun escaparate para aquelas empresas e profesionais do sector TIC galego que poden amosar as súas solucións a potenciais clientes ou usuarios das mesmas sen límite de prazas, como adoita ser habitual en actividades presenciais.

Actualmente na canle de Livestream do CDTIC atópanse xa 67 eventos que en total chegan ás 16.363 reproducións. Proximamente, a canle da Amtega en Youtube (https://www.youtube.com/user/imitxunta) recollerá estes recursos audiovisuais.

Próximos #DemosXWeb

As sesións de #DemosXWeb continuarán o vindeiro 20 de setembro baixo o título “Aproveita as vantaxes de Joomla para desenvolver as túas webs” (https://cdtic.xunta.gal/demosxweb-joomla), que será transmitida en horario de 09:30 a 10:15h. O segundo “#DemosXweb previsto, “Innovación aplicada á xestión enerxética: Solución CO2st-TEM” (https://cdtic.xunta.gal/co2st), celébrase o 28 de setembro no mesmo horario.

Para poder seguir as sesións por streaming, compre inscribirse na páxina web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.