O ciclo de conferencias Café con Sal regresa tras o parón pola pandemia

Todas as sesións terán lugar de xeito virtual a través de Campus Remoto
Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O ciclo de conferencias Café con Sal regresa tras o parón pola pandemia

A declaración do estado de alarma no mes de maio paralizou practicamente toda a actividade universitaria. Entre os moitos eventos que quedaron en suspenso estaba o ciclo de conferencias Café con Sal, a proposta pioneira de divulgación científica posta en marcha pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla hai xusto dez anos. Agora, tras estes meses de parón pola pandemia da covid-19, a décima edición do ciclo retómase para completar a súa programación ata finais de ano de xeito telemático.

A primeira cita, que estaba prevista para hoxe martes 21 de xullo, tivo que suspenderse no último momento por problemas técnicos pero poderase visualizar en próximas datas na web do CIM_UVigo e no respositorio de UVigoTVO relatorio céntrase na xestión de recursos pesqueiros, en concreto na bioloxía do cogombro de mar e da navalla na ría de Vigo e a súa aplicación na xestión pesqueira, da man das investigadoras Tania Ballesteros e Ana Tubío, do grupo de Ecoloxía Costeira do CIM-UVigo.

De regreso en setembro

O ciclo tomarase un descanso e estival e regresará co comezo do novo curso 2020-2021 da man de Alexandre M. Schonemann, científico do grupo de Ecoloxía Costeira do CIM-UVigo, que o 15 de setembro abordará os efectos dos aditivos plásticos nos peixes mariños, achegando un enfoque proteómico. O 22 de setembro será a quenda do investigador da Universidade de Alicante Pablo Sánchez, que falará sobre os procesos de acuicultura mariña nun relatorio titulado Criando peces en el mar: ¿qué sucede cuando se escapan?

O mes de outubro comprenderá dúas sesións, a primeira delas o día 6, con Ángel Pérez Diz, investigador do grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética, CIM-UVigo, que falará sobre a herdanza biparental de ADNmt en humanos e se centraráno que poden achegar as investigacións sobre mexillóns. A segunda cita do mes chegará o día 20, cunha sesión de tres relatorios: The role of Zostera meadows in the distribution of demersal and benthopelagic marine animals, que impartirá Marisa Gomes, do Centre of Molecular and Environmental Biology (CBMA), da Universidade de Minho; The influence of habitat conditions on key ecological processes for marine benthic fauna da man de Catarina Alves, CBMA, Universidade de Minho e Monitoring macrozoobenthic communities: Artificial Substrates colonization assessment using DNA metabarcoding approaches, con Bárbara Leite, CBMA, Universidade de Minho.

Xa en novembro, o día 3, Carlos Canchaya, do grupo de Xenómica Comparativa do CIM-UVigo, falará sobre a xenómica do mexillón e a súa microbiota, mentres que o día 17 será a quenda de Ana Bernabeu, do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental, CIM-UVigo, para afondar na Open science, unha nova forma de concibir o labor investigador e a difusión de resultados. O ciclo pecharase no me de decembro con dous relatorios. O 1 de decembro Carlos Bendicho, do grupo de Química Analítica e Alimentaria do CIM-UVigo abordará os sistemas analíticos miniaturizados e ecolóxicos para detectar especies químicas no medio mariño. Esta décima edición do Café con Sal pecharase o 15 de decembro da man de Cristina Fernández, do grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo, cunha conferencia titulada O tamaño importa, polo menos falando de fitoplancto. 

Todas as sesións poderanse seguir de xeito virtual a través de Campus Remoto de 11.00 h a 11.40 h.

Comentar noticia

Your email address will not be published.