O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk ao emblemático grupo Milladoiro cun concerto este sábado ás 22:00 horas na carballeira de Chandebrito (xunto ao campo de futbol) grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa Musigal. Será unha edición especial na que, xunto a Comunidade de Montes, a asociación de veciños e a comisión de festas da parroquia, se fará un recoñecemento público da figura do seu membro fundador Antón Seoane (guitarra, acordeón e teclados de 1979 a 2013) e quen elixiu a parroquia de Camos para vivir hai preto xa de 20 anos. Ademais, xunto a Seoane, os actuais membros da banda colaborarán durante a tarde do sábado na plantación do futuro ‘Bosque de Maeloc’ en 7.000 metros cadrados queimados nos incendios de 2017 na zona coñecida como ‘outeiro das Laxes’, esta superficie será reforestada con especies autóctonas e, ao finalizar, descubrirase, na súa honra, un monumento alusivo ao grupo realizado con pedra da canteira de Chandebrito Lemmar Granite que renderá homenaxe aos 40 anos da publicación do seu primeiro disco ‘A Galicia de Maeloc’.
“Chandefolk celebra a súa terceira edición cun grupo de absoluta referencia, Historia viva da rexeneración do folk galego, e do que en Nigrán nos sentimos especialmente orgullosos por contar co seu fundador Antón Seoane como veciño, tiñamos unha débeda pendente neste sentido”, destaca o alcalde, Juan González.
Deste xeito, nesta edición marcada polas circunstancias sanitarias, mantense a gratuidade pero haberá un límite de aforo para garantir a seguridade dos asistentes e, de xeito excepcional e polo mesmo motivo, non se realizará a clásica observación das perseidas posterior ao concerto. Como nos demais eventos musicais do Concello, as mochilas vibratorias estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que desexe sentir a música (deben solicitalo a traves de info@entresignos.com), precisamente foi en Chandefolk o ano pasado cando o Concello as estreou.
‘A Galicia de Maeloc’, é o primeiro álbum de estudio do grupo tradicional galego Milladoiro fundado por Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Foi gravado nos estudos Audiofilm de Madrid en febreiro de 1979 e publicado en 1980, sendo o primeiro disco galego en editarse no mercado francés e o primeiro na historia do folk galego no que se combina gaita galega, ocarina, zanfona, harpa, clavecín ou frautas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.