O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, visitou esta mañá as obras do futuro novo centro de saúde de Narón da Área Sanitaria de Ferrol do Sergas. Na actualidade, xa se están a realizar os últimos detalles, e, está previsto que en marzo se entregue a obra, para logo xa estar pendente das distintas acometidas e probas necesarias para a súa posta en marcha, e dar así servizo ás máis de 35.000 persoas que se beneficiarán desta nova infraestrutura sanitaria.
O centro de saúde de Narón, cun investimento de adxudicación vixente por parte da Xunta de Galicia de 5.535.985 euros, incluíndo a unidade de radioloxía, sitúase nunha parcela de 6.142 m2, cedida polo Concello ó Sergas. A nova infraestrutura sanitaria terá unha superficie construída de 4.312 metros cadrados, o que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do centro actual, infraestrutura que será cedida ao Concello para usos sociais.
Xunto co considerable incremento de espazos, o Sergas modificaba tamén o proxecto para ampliar a carteira de servizos deste centro con Radioloxía simple, aumentando así o beneficio para a poboación do Servizo de Atención Primaria de Narón no eido do diagnóstico por imaxe. Esta prestación engadíase respondendo á solicitude dos e das profesionais, e actívase en base ós criterios técnicos que determina esta tipo de servizo nos centros de saúde, como o número de poboación ou a frecuentación.
O titular de Sanidade da Xunta de Galicia, García Comesaña, estivo acompañado polo xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio Villanueva; por diversos responsables da obra, que explicaron polo miúdo as actuacións; e, tamén, por persoal asistencial do centro de saúde de Narón, que coñeceron persoalmente o centro onde desenvolverán o seu traballo nuns meses.
Espazos máis amplos e en maior número
O edificio conta con entradas diferenciadas para os peóns, ambulancias e urxencias, e implica un total de 16 espazos asistencias máis que o actual centro. Consta de dous andares e un semisoto. Atenderá a unha poboación de 35.000 persoas no centro de saúde e preto de 45.000 no Punto de Atención Continuada do Servizo de Atención Primaria de Narón, que abrangue os Concellos de Narón, Neda e Valdoviño. No semisoto, xunto cos espazos de instalacións e mantemento, haberá un acceso aberto para as ambulancias, vestíbulo de urxencias, e o Punto de Atención Continuada (PAC), con 3 consultas para medicina, 3 para enfermaría e 1 sala de reanimación e observación. Tamén espazos propios para os profesionais e vestiarios.
No andar baixo, un vestíbulo con espazo para cadeiras de rodas e recepción con 8 postos. Unha área de Pediatría, con 4 consultas de medicina e 4 de Enfermería; unha área de Rehabilitación e Fisioterapia, cunha consulta e unha sala de fisioterapia de 100 metros cadrados, con aseos adaptados; unha área de Odontoloxía, con consultas para Odontoloxía e hixienista dental; e unha sala de mostras con 8 puntos de extracción e sala de técnicas e curas. Tamén espazos para administración e persoal , arquivos, almacéns e outros usos.
Xa no primeiro andar, as instalacións disporán dunha área médica de 14 consultas de medicina xeral, 12 de enfermería, 2 de farmacia, 2 salas de técnicas, 4 consultas de docencia e 4 salas polivalentes. Unha área da muller cunha consulta de Xinecoloxía, consulta de matrona, sala de educación en saúde e vestiario.
Amplíase así un centro cunha completa carteira de servizos da que se beneficiará a poboación do Concello de Narón, e a que se corresponde co Punto de Atención Continuada tamén dos Concellos tamén de Neda e Valdoviño.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.