O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas a programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero con cargo ao IRPF deste ano

As axudas están destinadas a entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero na nosa comunidade
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Xunta de Galicia

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas a programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero con cargo ao IRPF deste ano

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a a convocatoria das axudas destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, para o ano 2018. Conta cun orzamento de preto de 418.000 euros.

As axudas están destinadas a entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, na nosa comunidade. Están destinados a mulleres, en especial aquelas en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e aos seus fillos, a mulleres mozas e mulleres que residen no ámbito rural. O importe máximo de cada axuda será de 75.000 euros.

As liñas que serán obxecto de axudas son, por unha banda, actuacións no ámbito da promoción da igualdade entre mulleres e homes, con programas que fomenten a igualdade real e efectiva, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural. Esta liña contará cun orzamento de 207.829 euros.

No marco desta liña, subvencionaranse actuacións de acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade; programas dirixidos á inserción sociolaboral das mulleres, especialmente as mulleres do medio rural, que impulsen o emprendemento, o autoemprego, a formación e a mellora da súa capacitación de cara a mellorar a súa empregabilidade; programas dirixidos á atención de mulleres xestantes e lactantes en situación de vulnerabilidade, dirixidos a proporcionar asesoramento, apoios e axudas ante as dificultades que poidan sufrir nesta etapa; programas de conciliación dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade que consistan en actividades de coidado e atención a menores de doce anos, persoas con discapacidade e/ou dependentes e persoas maiores.

Ademais, tamén financiarán actuacións de información e de formación para o empoderamento e participación activa das mulleres, en especial as que sofren situacións de vulnerabilidade e/ou as que residen no medio rural, programas dirixidos ás mozas para fomentar a igualdade de mulleres e homes entre a mocidade e a erradicación de estereotipos de xénero e programas para o tratamento da saúde integral das mulleres e/ou sobre a sexualidade das mulleres.

Por outra banda, serán subvencionables, as accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas, cun orzamento de ata 210.000 euros, os programas de acollida e aloxamento que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas fillos e fillas, os programas de apoio e tratamento dirixidos especificamente a mulleres vítimas da violencia de xénero con outras problemáticas asociadas, principalmente toxicomanías e/ou enfermidade mental, incluído o aloxamento, aos grupos de mulleres vítimas da violencia de xénero especialmente vulnerables, como mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, mulleres maiores, mulleres que residen no medio rural, mulleres inmigrantes, e mulleres pertencentes a minorías étnicas, especialmente entre a mocidade e no ámbito rural.