Recoñecida xa como epidemia pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a enfermidade renal crónica é unha “enfermidade silenciosa que afecta a unha de cada dez persoas no mundo”, segundo salientou este luns Paula Filgueiras, responsable do grupo de apoio en hemodiálise da Fundación Renal Iñigo Álvarez de Toledo (FRIAT). Unha patoloxía fronte á que o exercicio físico supón “beneficios tanto a nivel cardiovascular, como de mobilidade, xa que soamente o tratamento supón para un paciente renal un 35% máis de sedentarismo que o resto da poboación”, pero tamén a nivel psicolóxico, segundo explicou Filgueiras na conferencia que este luns impartiu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que achegou tamén ao alumnado ás características do programa de exercicio que a FRIAT desenvolve con pacientes en diálise e no que, grazas ao convenio asinado entre esta fundación e a Universidade de Vigo, o alumnado do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte poderá realizar prácticas nos centros da FRIAT en Vigo e Porriño.
Posto en marcha en 2016, o programa de deporte en sala que a FRIAT implantou en Madrid coa colaboración das universidades Politécnica e Europea de Madrid e polo que teñen pasado xa preto de 400 pacientes con diálise ten amosado, explicou Filgueiras, moitos beneficios “que xa tiñan recollido diferentes estudos internacionais”. Por unha banda, a realización deste programa, que se desenvolve exclusivamente en sala “porque os pacientes teñen que estar monitorizados e moi vixiados, xa que son pacientes pluripatolóxicos”, supón un aumento da capacidade funcional, da forza e da masa muscular, pero tamén trae consigo unha diminución do sedentarismo, da inflamación provocada pola retención de líquidos, do “estrés oxidativo” e do grao de discapacidade. Implica así mesmo, sinalan desde a FRIAT, melloras da capacidade aeróbica e da hixiene postural das e dos pacientes, así como retardar a perda de masa ósea. Así mesmo, a actividade física trae tamén como consecuencia unha diminución dos estados de ansiedade e de depresión, como puido comprobar a fundación no estudo que en 2015 realizou coa Universidad Europea de Madrid como paso previo á posta en marcha dun programa de exercicio en sala “que agora queremos traer aos centros que temos en Vigo e O Porriño”.
Unha enfermidade silenciosa
Entre cinco e sete millóns de persoas, explica Filgueiras, están afectadas en España pola enfermidade renal crónica, unha patoloxía na que “hai diferentes graos e que permanece moi na sombra”, xa que, polo xeral, “non dá a cara ata que os riles están moi danados”. Neste punto, no que se ven afectadas as “dúas funcións básicas” dos riles, a depuración do sangue e a eliminación de líquidos, “só quedan dúas opcións”, explicou, un transplante no caso dos órganos máis danados ou a diálise, un tratamento que supón estar “unha media de catro horas deitados e conectados a unha máquina, un día si e outro non”. Isto motiva, sinalou a conferenciante, eses maiores índices de sedentarismo por parte de pacientes que empregan “soamente para o tratamento entre 18 e 25 horas á semana”, ao que se suma o feito de que en moitos casos “son pacientes afectados doutras patoloxías” que nalgúns casos poden ser as que levan ao “fracaso renal”, como poden ser as cardiopatías ou a diabetes, fronte ás que, lembrou, a prescrición de exercicio físico implica tamén “moitos beneficios”.
Posibilidades para o alumnado
Segundo explica o profesor Óscar García, esta conferencia insírese no convenio de colaboración asinado entre a Universidade e a FRIAT, e que permitirá este curso por primeira vez que estudantes do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte poidan realizar prácticas nos centros da fundación en Vigo e Porriño onde, como explicou Filgueiras, “traballarán cun equipo multidisciplinar”, xunto a persoal médico ou profesionais da psicoloxía, por exemplo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.