O Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 leva a Vigo o musical Aladino e a lámpada marabillosa

O secretario xeral de Política Lingüística e a delegada territorial da Xunta na cidade olívica asistiron hoxe á primeira función do espectáculo infantil e familiar inspirado no clásico das mil e unha noites que ofrece a Sala Ártika durante esta semana
Publicado por o día 27/10/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

O Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 leva a Vigo o musical Aladino e a lámpada marabillosa

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiron hoxe á primeira das funcións na cidade olívica do espectáculo musical Aladino e a lámpada marabillosa, incluído no Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021, que ofrece Avento Producións na Sala Artika .

Ambos recordaron que por moito que cambien os tempos e as modas, os clásicos e os seus contos perviven e transmítense ás novas xeracións a través da palabra, da oralidade ou de modernas adaptacións en lingua galega coma. O espectáculo abre hoxe a súa xira de funcións na Sala Ártika, onde se poderá gozar, con entrada de balde ata esgotar a capacidade do espazo, o mércores 28 e o venres 30 de outubro, ás 17,00 horas. Os representantes da Xunta animaron ás familias viguesas a participar nel respectando as medidas de seguridade sanitaria. As entradas poden reservarse no web da sala Artika.

O espectáculo musical Aladino e a lámpada marabillosa está inspirado no conto homónimo, unha das historias máis famosas das mil e unha noites, ambientada nun Oriente máxico e suxestivo. Posúe a forza, a vitalidade e o atractivo dunha historia exemplar onde os valores interiores das persoas importan máis que a súa aparencia exterior, resaltando a importancia da autoestima.

Conta a historia de Aladino, un bo rapaz que fai pequenos traballos para os mercadores de Agrabah co fin de conseguir unas moedas coas que mercar algo para comer, mais os rumores sobre o seu bo corazón chaman a atención de Jafar, o malvado visir real, que utilizará os seus enganos para obrigalo a roubar a lámpada máxica da cova das marabillas. Mentres, no palacio, o sultán trata de atopar un príncipe co que casar a filla, sen o consentimento desta. Os dous protagonistas viven realidades moi diferentes pero semellantes á vez e, sen sabelo, necesitaranse mutuamente.

Apoio ao sector cultural

No marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19, a Xunta de Galicia promove a creación dun repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega. O Fondo está integrado por contidos tanto virtuais coma por eventos presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción. Nace coa intención de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.