O Geolodía19 explorará este ano o estuario do Miño–Santa Trega

As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata as 14.00 horas do xoves
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O Geolodía19 explorará este ano o estuario do Miño–Santa Trega

Este domingo celébrase en todo o país unha nova edición do Geolodía, toda unha serie de excursións gratuítas coordinadas pola Sociedad Geológica de España, guiadas por xeólogos e xeólogas e abertas a todo tipo de público. Na provincia de Pontevedra a actividade está organizada por un equipo de docentes da Facultade de Ciencias de Mar e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, coordinados polo profesor José Bienvenido Diez, quen adianta que este ano a visita que se propón é unha ascensión ao monte Santa Trega, un itinerario no que se irán explicando diferentes aspectos xeolóxicos desta contorna. “É media hora de subida moi suave e, en principio, a previsión meteorolóxica é boa polo que agardamos que todo sexa un éxito”, indica Diez.

Máis de 80 inscricións en apenas unhas horas

A duración da cada unha das excursións é de arredor de dúas horas e están previstas un total de seis saídas: a primeira será ás 09.00 horas e logo haberá outra cada media hora ata a partida do último grupo, prevista para as 11.30 horas. En total ofértanse 180 prazas e o punto de encontro é o ascenso do monte Santa Tegra. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata as 14.00 horas do vindeiro xoves día 9 para anotarse. “As inscricións abríronse este mesmo luns e xa temos 82 prazas cubertas”, salienta Diez, quen admite que esta actividade conta xa cunha comunidade moi fiel de seguidores e seguidoras. “O grupo  con saída prevista para as 11.00 horas xa está completo e agardamos que nestes días se cubran todos”, recalca o coordinador.

Xunto a Diez participan nesta actividade o decano da Facultade de Ciencias do Mar, Miguel A. Nombela; a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso; así coma os investigadores Anxo Mena, Gonzalo Méndez, Santiago Pozo e Teresa Rivas. “Xunto a nós contamos tamén coa colaboración dun grupo amplo de alumnos e alumnas de doutoramento”, salienta Diez.

Entre castros e granito

Segundo explican os organizadores, o percorrido desta edición é moi accesible a calquera persoa interesada e, de cara a que poidan ver con antelación o tipo de contidos que se van tratar en cada unha das paradas, elaboraron unha pequena guía na que se explica, de xeito moi divulgativo, os principais contidos da visita. Parten da descrición do río Miño como construtor de paisaxes e, en especial, céntranse no seu tramo final, un importante estuario no que predomina a sedimentación. “Veranse os distintos tipos de estuarios en función do grao de mestura das augas fluviais coas mariñas e buscaremos tamén os motivos polos que a parte final do estuario está practicamente rechea de sedimentos”, salientan no texto da guía.

Noutra das paradas afondarán nas principais causas dos cambios climáticos e como estes afectaron á costa galega e ás poboacións castrexas como a dos montes de Santa Trega.

Especial protagonismo terá o granito, tanto o do monte Santa Trega coma dos montes circundantes, fonte de orixe dun recurso moi importante, o caolín, por cuxa explotación e aplicación industrial destacou este municipio. “Falaremos de como se forma o caolín a partir do granito e das condicións que deron lugar, entre o Mioceno e o Holoceno, aos xacementos de caolín da zona e, nesta liña, descubriremos as evidencias do aproveitamento destes caolíns desde o Neolítico e durante a cultura castrexa”, recalcan.