O Goberno de Carmela Silva adxudica 51 novas bolsas para que o alumnado de FP faga prácticas en empresas e institucións europeas

Trátase da sexta mobilidade do “Practicum Depo” coa que as persoas beneficiarias viaxarán a Finlandia, Grecia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal
Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O Goberno de Carmela Silva adxudica 51 novas bolsas para que o alumnado de FP faga prácticas en empresas e institucións europeas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe a adxudicación por parte da Xunta de Goberno das novas bolsas de mobilidade para o alumnado de FP participante no proxecto “Practicum Depo 2018”. Trátase da sexta mobilidade e, como subliñou Silva, a penúltima desta iniciativa bianual, que deu comezo coa primeira saída de alumnado no 2018 e rematará o 31 de maio de 2020 coa chegada do sétimo grupo.

Silva lembrou que o obxectivo deste programa de mobilidade para mozas e mozos titulados de Formación Profesional “é colaborar na súa integración no mundo laboral a través de prácticas profesionais en empresas e institucións estranxeiras”. Para esta nova mobilidade, a Deputación vai destinar 354.355 euros para 51 alumnas e alumnos de 18 centros educativos da provincia, que permanecerán en Finlandia, Grecia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal durante 162 días (algo máis de cinco meses). Máis polo miúdo, as persoas beneficiarias proceden de 5 centros de Vigo, 4 de Pontevedra, 2 de As Neves e un de Salvaterra, A Illa de Arousa, A Estrada, Redondela, Sanxenxo, Lalín e Bueu, e recibirán bolsas por contías que abranguen entre os 6.460 e os 7.727 euros. En total, neste programa bianual “Practicum Depo 2018”, que rematará en maio de 2020 coa chegada da sétima mobilidade, participan 104 estudantes e docentes de 32 centros da provincia, cun investimento de 672.278,40 euros.

Ata o momento, incluíndo o vixente de 2018, a institución provincial leva postos en marcha catro “Practicum Depo”, nos que en total está a investir máis de 2 millóns de euros. A través desta iniciativa, 400 mozas e mozos da provincia desfrutaron xa de mobilidades no estranxeiro, “mellorando a súa formación e acadando máis recursos para mellorar a súa empregabilidade”, como destacou a presidenta da Deputación.