O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e a conselleira de Emprego e Igualdade, Maria Jesús Lorenzana, mantiveron esta tarde un encontro de traballo coa Mesa negociadora da hostalaría de Galicia -na que están representados as asociacións provinciais desta actividade- para consensuar novas liñas de apoio aos establecementos nesta fase da pandemia.
A Xunta trasladou aos representantes o compromiso de seguir ao carón dos sectores que máis están a sufrir as consecuencias desta pandemia. Neste sentido, insistiuse ante os membros da Mesa en que cada medida reflexionada que o Goberno galego activa por recomendación sanitaria, vai acompañada de apoios reais ás actividades afectadas.
Seguindo este compromiso, e tal e como se fixo no mes de novembro, na xuntanza de hoxe avanzouse o traballo cara a perfilar un novo Plan de Rescate a persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados por mor da pandemia.
Este segundo Plan terá unhas características similares ao que se puxo en marcha a finais de ano, aínda que simplificaranse os requisitos para que o acceso ás axudas sexa aínda mais áxil e doado. As novas axudas estarán dimensionadas e orientadas a cubrir as necesidades dos sectores máis afectados polas restricións segundo as previsións da evolución da pandemia previstas pola autoridade sanitaria.
A primeira convocatoria do Plan de rescate xa completou case o 80% dos pagamentos a más de 30.500 solicitantes que cumpriron cos requisitos, por un importe de 65 millóns de euros.
No que se refire concretamente á hostalaría, más de 14.700 negocios deste sector recibiron ata o de agora apoio económico directo da Xunta a través das tres liñas incluídas no Plan de Rescate, por valor de 23,7 millóns de euros. Estes datos evidencian que o 70% dos hostaleiros galegos (segundo o Instituto Galego de Estatística, Galicia conta cun total de 20.688 negocios nesta actividade) tiveron acceso ás axudas establecidas pola Xunta para facer fronte á crise económica e as restricións efectuadas por recomendación sanitaria.
Fondo de cooperación Covid-19
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, manifestou que a Xunta de Galicia foi a primeira en inxectar liquidez aos negocios, pero faise necesario a implicación de tódalas administracións máis aló de cores políticas ou debates estériles sobre competencias.
Neste senso, tanto o Goberno galego como os representantes da hostalaría propuxeron abrir unha tripla fronte para paliar o impacto económico das restricións mediante un fondo de cooperación Covid-19 que conte coa participación da Xunta de Galicia, deputacións e os grandes concellos para salvar do peche ás empresas e autónomos da nosa comunidade, seguindo o modelo da comunidade autónoma de Valencia, onde a Generalitat aportará o 50% de dito fondo, as deputacións o 30% e os concellos o 20% restante.
O conselleiro de Sanidade, pola súa banda, explicou a situación actual da pandemia en Galicia, que xustifica a posta en marcha das medidas restritivas anunciadas hoxe para frear a preocupante incidencia actual dos contaxios.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, lembrou que “cada medida reflexionada que o Goberno galego activa por recomendación sanitaria, vai acompañada de compromisos reais de apoio ás actividades afectadas”. “É prioritario agora evitar perigosas interaccións sociais que afecten á saúde dos galegos e galegas, pero mantemos firme o noso compromiso de seguir ao carón dos sectores que máis se resenten nesta pandemia”, aseverou.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.