A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta vén de criticar unha política demográfica “errada” e “ineficaz” da Xunta de Galicia, “na que prevalece o interese electoral”. Fíxoo trala elaboración do ditame da ponencia sobre o proxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia.
“Este proxecto de lei non aprende dos erros do pasado, senón que é unha mera operación de márketing para convencer ás familias de que teñan fillos e fillas, e apenas aborda outros instrumento para reforzar a vitalidade poboacional”, aseverou.
Rodríguez Dacosta criticou a “falla de ambición” dun proxecto de lei que supón “unha mera declaración de intencións” e “un compendio de medidas xa existentes”. Así, recalcou que o goberno galego “tira a toalla en materia de natalidade”.
Nesta liña, a socialista criticou que o texto legal carece de “dimensión, orientación, financiamento e medidas para reverter a situación actual”. Ademais, censurou a “falla de acordo político e social” no proxecto de lei, malia que o PP anunciara “no seu programa electoral” que esta se aprobaría baixo un “gran pacto político e social”.
Rodríguez Dacosta lamentou que logo de presentar esta norma de carácter legal na Cámara e “vendela a bombo e plantillo” nos medios de comunicación, a Xunta presentou un orzamento para 2021 “no que baixa un 10,58% o programa de fixación de poboación no medio rural, o que demostra a falla de compromiso do goberno galego neste eido”.
A deputada instou a Xunta a afrontar os problemas demográficos tamén “dende a economía, a socioloxía e a política”, poñendo o foco nas políticas activas de creación de emprego que é “o que determina o futuro demográfico”, xa que “ningunha sociedade medra sen emprego estable e salarios dignos”. Así, instou a levar a cabo “políticas efectivas” de estabilidade e mellora das condicións laborais, de conciliación da vida profesional e familiar, e de dispoñibilidade de servizos públicos.
Ademais, pediu ao goberno galego que adoite medidas dirixidas a “impulsar o retorno do capital humano”, mocidade “que se formou en Galicia e que tivo que marchar a Europa nos momentos máis difíciles da crise”.
Rodríguez Dacosta incidiu na necesidade de apostar por “medidas serias e rigorosas” en materia de igualdade, así como na conciliación cun Plan institucional “que comece por garantir prazas de escolas infantís de 0 a 3 anos” para as nenas e nenos galegos.
Por último, subliñou que a demografía “resulta de vital importancia para o futuro da nosa terra”, por iso lamentou que “se teña presentado un proxecto de lei que, a maiores de varios titulares xornalísticos, nada vai cambiar na realidade da cidadanía galega e da nosa demografía”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.