A deputada viguesa Isaura Abelairas vén de urxir á Xunta de Galicia, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento de Galicia, a reforma integral do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que “se atopa en estado de ruína polo desleixo do goberno galego”.
“Goteiras, humidades, tubaxes en mal estado, fendas, falla de calefacción, mal estado dos instrumentos, falta de insonorización das aulas… e así poderíamos seguir enumerando deficiencias que indican o estado de ruína no que se atopa o edificio”, lamenta a socialista.
Nesta liña, Abelairas destaca que tanto profesorado como alumnado “hai anos que veñen denunciando reiteradamente a deficiente situación na que se atopa o inmoble”, polo que “están fartos” ante unha “situación insostible por teren que desenvolver as súas actividades nunhas instalacións que non reúnen as mínimas condicións e limitan tanto o traballo como o estudo”.
A responsable socialista denunciou que en novembro de 2019, “a daquela delegada da Xunta de Galicia, Corina Porro, se comprometeu a corrixir as deficiencias detectadas e, tras unha valoración técnica, afirmou que se incluiría unha partida nos orzamentos de 2020”. Así, destacou que “a propia delegada precisou que o edificio necesitaba da reforma demandada, en aras da correcta realización da docencia”.
“Xa estamos en 2021 e aínda non se arranxou nada, polo que os usuarios do centro víronse na obriga de saír á rúa e manifestarse para denunciar, unha vez máis, a situación que están a vivir”, criticou a socialista.
Por último, Abelairas lembrou que o Conservatorio Superior de Música de Vigo se creou en 1956 “por iniciativa municipal” e, en 1984, “se converteu no primeiro conservatorio superior de Galicia”, un organismo que é “dependente da Xunta de Galicia” e que “cada ano acolle a máis de 300 estudantes de diversas nacionalidades”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.