O persoal sociosanitario do CHOP e a futbolista Paula Dapena, premios Cidade de Pontevedra 2020

Os premios serán entregados o vindeiro 20 de xaneiro, nun pleno de honra que se celebrará no Teatro Principal ás 13.00 horas.
Publicado por o día 13/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

O persoal sociosanitario do CHOP e a futbolista Paula Dapena, premios Cidade de Pontevedra 2020

O Xurado do premio Cidade de Pontevedra acordou entregar os galardóns relativos ao ano 2020 á futbolista pontevedresa Paula Dapena Sánchez na categoría de persoa física, e ao persoal sociosanitario do CHOP, na categoría de persoa xurídica. En ambos casos a decisión foi unánime do xurado.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carme Fouces explicou que se tratou dunha decisión difícil porque as outras dúas candidaturas en ambas categorías tamén teñen o seu recoñecemento e traxectoria social: Raquel Mera Dios, mestra e responsable de educación da Escola de Educación Infantil de Verducido e a Asociación de Veciños Mirador de Monte Porreiro.

Carmen Fouces explicou que Paula Dapena Sánchez, proposta pola FANPA de Pontevedra e pola CIG – Secretaría da Muller, recibirá o premio “polo xesto, valentía e polo referente que supón para a mocidade: pola capacidade que temos na nosa man de plantarnos ante a violencia e aguantar a presión que non é pouca, e menos no mundo do fútbol”.

Ao respecto do persoal socio-sanitario, proposto polo Rotary Club e a Federación de veciños Castelao, Carme Fouces explicou que o xurado acordou que será un premio sen ningún tipo de connotación política nin sindical polo que se pedirá ao equipo Covid do CHOP “que seleccione ao persoal sanitario, asistencial, de limpeza… que sexa representativo, o máis plural posible, para que poida agradecer o esforzo a todo  o persoal que estivo traballando arreo nestes meses e que aínda queda moito por traballar”.

Carmen Fouces tamén fixo mención ao anterior premiado en categoría física dos Cidade de Pontevedra, Francisco Barbeito, recentemente falecido. “Estamos orgullosas de ter gozado deste premio con el, e lamentamos moitísimo a súa perda”.

O premio Cidade de Pontevedra 2020 será entregado o vindeiro día 20 nun pleno de honra que se celebrará no Teatro Principal ás 13.00 horas, coincidindo, como é tradición, coa festividade de San Sebastián, patrón da cidade. Será unha sesión con aforo limitado e está pendente de decidir se haberá o tradicional convite da Corporación aos premiados, debido á pandemia.