O Primavera do Cine celebra a súa oitava edición premiando a Manolo González e proxectando No intenso agora de João Moreira Salles

Na gala de inicio homenaxeouse ao produtor, guionista, docente, investigador de cine e, sen dúbida, un dos principais impulsores do audiovisual galego, Manolo González, quen recolleu a súa mención honorífica das mans da cineasta Xisela Franco emocionado, con moita ilusión e con ganas de seguir traballando
Publicado por o día 02/05/2019 na sección de Galicia,Cultura,Vigo

O Primavera do Cine celebra a súa oitava edición premiando a Manolo González e proxectando No intenso agora de João Moreira Salles

Juan de Castro, director do Festival Primavera do Cine e Carla Amado, directora do Instituto Camões foron os encargados de facer a inauguración oficial da oitava edición do certame, que se estenderá ata o vindeiro 5 de maio.

A primeira en tomar a palabra foi Carla Amado, directora do Instituto Camões que remarcou o gran esforzo que realiza cada ano o festival por traer a Vigo películas lusófonas e o compromiso que existe dende o Camões por seguir colaborando co festival Primavera do Cine en Vigo e continuar traballando en favor da visibilización dos filmes de fala portuguesa.

Despois, ante a sorpresa do homenaxeado, foi a cineasta Xisela Franco a encargada de entregarlle o premio ao gran impulsor do cinema galego Manolo González. Un acto cheo de emoción no que Xisela Franco aproveitou para facerlle chegar unha recompilación de diferentes mensaxes de agarimo e recoñecemento de personalidades do cinema galego que coñecen ou teñen unha estreita relación con el. Destacan, por exemplo, as palabras do cineasta Alberte Pagán, que afirmou que non se entende o novo cinema galego nin o vello sen unha figura tan transcendental e ao mesmo tempo tan discreta como Manolo González ou a aportación da premiada cineasta Sandra Sánchez, que pertence a primeira promoción da Escola de Imaxe e Son de A Coruña (fundada polo homenaxeado) e que confesa que sen Manolo González, ela non estaría agora vinculada ao mundo audiovisual.

Ademais, na recompilación tamén aparecen mensaxes de eloxio de Beli Martínez, produtora do Novo Cinema Galego, Xurxo Chirro, que traballou con el no AGADIC, Margarita Ledo, gran cineasta e teórica do cinema galego ou Cruz Piñónlabradora e youtubeira que confesa que Manolo e a súa parella Carmen Nieto (directora da Aula CEMIT dese concello) chegaron a San Sadurniño e “puxeron todo patas arriba”, activando o lugar con iniciativas e cambiándolle a vida a ela a outras mulleresDe feito, grazas a eles se converteron en activistas do rural e coñecidas youtubeiras do proxectoTeño unha Horta en San Sadurniño.

Por suposto, Manolo González recibiu o premio e as mostras de agarimo cunha gran emoción e quixo agradecer ao certame polo premio e tamén lembrar que a construción do sector audiovisual dun país é unha tarefa colectiva, onde interveñen moitas persoas entre as que quixo destacar a Ánxela Bugallo, Luis Álvarez Pousa ou Jose Luis Mira. Así, afirma que el é unha engrenaxe máis e que realmente “o agradecemento é a memoria do corazón, que é o que nos fai poñer as cousas no seu sitio pasado un certo tempo e é onde te das conta de que sen todas esas persoas e sen ese conxunto de compañeiros de viaxe ti non houberas feito absolutamente nada”.

Finalmente, o director do Primavera do Cine, Juan de Castro, aproveitou para agradecer o apoio de todos os patrocinadores e colaboradores do certame, sen os cales non sería posible levar a cabo a oitava edición e salientou que nesta ocasión todos os asistentes poderán gozar dun total de 34 curtas e 10 longas galegas e lusófonas de gran valor, moitas delas estreadas e premiadas en diversos festivais de prestixio e seleccionadas por parte do equipo do Primavera para dalas a coñecer agora en Vigo. Ademais tamén quixo recordar que tanto Galicia como o resto de países de fala portuguesa contan con cineastas de gran talento polos que hai que apostar e darlles o recoñecemento que merecen.

Unha vez rematado o acto de homenaxe a Manolo González e aproveitando a celebración do Día do Traballador, proxectouse No intenso agora, un documental de João Moreira Salles que narra, a través de diferentes imaxes de arquivo, as revolucións do maio do 68 en París, a Primavera de Praga e a Chinesa comunista de Mao.

A PROGRAMACIÓN DO XOVES 2 DE MAIO

Xa no ecuador do Primavera do Cine en Vigo, o xoves 2 de maio proxectaranse no Auditorio do Concello tres longametraxes: Os fillos da vide, a primeira obra de Ana Domínguez que se exhibirá ás 18.30 e coa que conseguiu facerse co galardón ao mellor filme galego na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo GalegoAlva, de de Ico Costa, que terá lugar ás 20.30 e Extinção de Salomé Lamas prevista para ás 22.30.

En Os fillos da vide, a cineasta Ana Domínguez rende unha homenaxe as súas raíces, ao mundo rural e vitícola de Valdeorras (Ourense), mentres que en Alva, un filme estreado no Festival Internacional de Cinema de Róterdam e proxectada igualmente no Festival de Cine Independente IndieLisboa, nárrase a historia dun crime e de como o seu protagonista decide agocharse nun bosque.

O último dos filmes será Extinção, documental gañador do Premio Nuevas Olas – No ficción do Festival de Cine de Sevilla 2018. A cinta conta a historia de Koljaun mozo de nacionalidade moldava, pero fiel a Transnistria, un país non recoñecido pola comunidade internacional e aínda inmerso na ideoloxía comunista.

Dentro do apartado de curtas galegas, ás 18.00 no Instituto Camões de Vigo será o turno para Americano, de Fon Cortizo, un documental impactante sobre a vida de Xavier, un poeta cun pasado tráxico que atopou na poesía unha saída á dor e a ira; ou Uganda de Fernando Tato, que profunda na necesidade que temos de cando en vez de revelar os segredos que nos oprimen. Completarán a selección A nena azul, de Sandra Sánchez, O que precede á caída é branco de Aldara Pagán e Como desaparecer, de Carlos Martínez-Peñalver Mas.

Así mesmo, o xoves tamén se poderán ver grandes títulos lusófonos no Instituto Camões ás 19.30 como Pele de luz de André Guiomar, un documental sobre a persistencia da maxia negra nalgunhas comunidades de Mozambique e que formou parte da sección oficial de Doclisboa 18 e gañou o Premio do Xurado ao Mellor Curto da Categoría A Raia no Festival Internacional de Curtos Via XIV de Verín ou Flutuar de Artur Serra Araújo, unha historia en clave poética sobre a  mesquindade e o absurdo.

O resto das cintas lusófonas que se exhibirán neste pase serán Aquaparque de Ana Moreira e Como Fernando Pessoa salvou Portugal de Eugène Green.

LA PASIÓN DE JUANA DE ARCO

O 2 de maio tamén se poderá desfrutar dun dos grandes fitos clásicos do cinema: La Pasión de Juana de Arco, a obra mestra de Carl Theodor Dreyer. Nesta ocasión, a banda sonora será ‘Missa Ioanna Arcensis’, un réquiem composto por Brais González (un dos integrantes de Caspervek) e quen tamén será o encargado de dirixilo. Ademais, a interpretación correrá a cargo dun ensemble de 12 músicos formado por profesores, alumnos e exalumnos do CMS de Vigo e contará coa colaboración do Coro de Cámara Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz.

O evento, de balde, terá lugar o 2 de maio en Vigo no Auditorio Martín Códax ás 19:00 e é parte conxunta tanto da programación do Primavera do Cine coma do Festival Nas Ondas, levado a cabo polo Conservatorio Superior de Música de Vigo.

OS PREZOS

As entradas aos bloques de curtas galegas e lusófonas pódense adquirir no Instituto Camões desde media hora antes do comezo das proxeccións e cada un deles ten un custo de 3€, mentres que as entradas ás longametraxes estarán á venda no despacho de billetes do Concello a un prezo de 4€, que abrirá media hora antes de cada proxección. Toda a información sobre a sección oficial está na web do festival.