O ‘Revitaliza’ súmase á Festa dos Callos de Salceda para acadar o sobresaínte en sustentabilidade

Mestras e mestres composteiros da Deputación informarán sobre compostaxe e repartirán material promocional e compost
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O ‘Revitaliza’ súmase á Festa dos Callos de Salceda para acadar o sobresaínte en sustentabilidade

Plan Revitaliza da Deputación estará presente este domingo día 1 de setembro na XXVII Festa dos Callos de Salceda de Caselas para que o evento acade un sobresaínte en sustentabilidade. Alí, as persoas que asistan e gocen das racións de callos colaborarán tamén co medio ambiente, xa que poderán reciclar todos os restos da comida, os plásticos, o vidro e outros materiais que utilicen no seu xantar: estarán dispoñibles sete illas de reciclaxe nas que separar os distintos tipos de lixo para despois reciclalos.

O obxectivo é acadar unha festa co 100% de separación do lixo, animando á xente a deixar todos os residuos posibles no seu respectivo colector: os restos orgánicos (callos, pan, panos de papel e pauciños de madeira) en baldes negros que despois as mestras e mestres composteiros da Deputación levarán aos centros de compostaxe comunitaria de A Devesa, Raíña Aragonta e A Gándara para producir compost.

Os plásticos, bolsas, platos, cubertos e envases deberán depositarse no colector amarelo e o vidro ao colector verde. Tamén haberá espazos dispoñibles para depositar as cazolas de barro no caso de que non se queiran levar para a casa como agasallo ou recordo do evento.

Disporanse cartaces informativos por toda a carpa convidando á cidadanía a colaborar na iniciativa co obxectivo de demostrar a responsabilidade e conciencia ecolóxica das persoas participantes, dará prestixio ambiental á celebración e converterá a festa nunha das máis sustentables da provincia.

Na Festa dos Callos de 2018 xa se fixera unha proba piloto e fora percibida polos asistentes como unha iniciativa positiva. Entón servíranse arredor de 2.500 racións de callos e xestionáronse preto de 300 litros de residuos orgánicos sumados aos de envases e vidro. Nesta ocasión a Deputación e o Concello de Salceda volven colaborar coa intención de que todo o evento e a organización estea á altura.

Amais de colaborar na implantación do sistema para a separación 100% do lixo da festa, as mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación instalarán unha mesa informativa sobre compostaxe e repartirán material promocional e compost para utilizar en plantas.

Carteis 100% separación do lixo